Kristian Blummenfelt é unha das grandes referencias do tríatlon mundial. Non en balde é o actual campión olímpico, pero tamén conta no seu palmarés co título mundial de 2021 e foi campión do mundo Ironman (2021) e Ironman (70.3), case nada.
Por iso a súa presenza en Pontevedra, onde se prepara xa desde hai días para participar na Gran Final das Series Mundiais, non pasou desapercibida, e por iso a súa é unha opinión autorizada. Pero, que lle está parecendo Pontevedra?
Polo de súpeto "estou sorprendido do deportiva que é esta cidade", asegura, e é que "vas polo río e ves á xente correr todo o tempo, a xente na estrada ten moito respecto polos ciclistas, a verdade é que me gusta".
"Espero moita xente nas rúas, especialmente no circuíto a pé. Recordo en 2011 e estaba cheo, foi fantástico"
Blummenfelt destaca a "gran benvida" que lle deron os adestradores do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, Carlos David Prieto e Omar González, ademais dos triatletas locais cos que compartiu sesións de preparación. "Foron días adestrando duro e unha semana moi agradable", recoñece.
Unha estancia que lle fixo recodar a súa participación hai anos nunha das probas internacionais organizadas na Boa Vila. "Estiven en 2011 como júnior no Campionato de Europa, finalicei noveno naquela carreira, son bos recordos", rememora.
Con aquela proba na cabeza, o noruegués ten claro o que espera de Pontevedra na Gran Final. "Espero moita xente nas rúas, especialmente no circuíto a pé. Recordo en 2011 e estaba cheo, foi fantástico", sinala.
El estará de novo nunha lista de saída nas Rías Baixas, e farao esperando "estar a loitar polo podio ou pola vitoria. Espero ter un bo día e unha boa experiencia", aínda que o seu obxectivo tras o seu paso pola longa distancia é outro, o de "volver ser competitivo e pelexar polo ouro olímpico en París. Verémolo en 10 meses".