José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967) converteuse na gran esperanza para os socialistas galegos que, nestes comicios do próximo 18 de febreiro, non se resignan a desempeñar un papel secundario, a pesar do que indican todas as enquisas.
"Confío no cambio e creo que o ciclo do PP se terminou", asegura Gómez Besteiro, para quen a Galicia que propón o PSOE ten "moita máis acción, máis movemento e máis cor" que o país "máis triste, máis apagado, máis apático e máis gris" que deixan os populares.
O candidato do PSdeG-PSOE reivindica unha Galicia "onde haxa máis emprego, máis prosperidade, máis riqueza e mellores salarios, pero tamén máis dereitos" e sostén que neste últimos tres meses "conseguimos máis cousas para Galicia que o PP nos últimos anos".
Tras anos afastado da primeira liña política, que sensacións está a notar nesta campaña?
Estou a atopar moi boas sensacións. A min gústame moito o tempo de campaña. Sempre levamos unha mensaxe alegre e propositiva. Reconectei con esa sensación que tiven sempre nas campañas electorais. Estou a recuperar esa vibración especial que tiña.
Que Galicia se atopou nesta campaña?
Atopo unha Galicia que se reflicte ben no que vimos dicindo os socialistas. Temos unha Galicia máis triste, máis apagada, máis apática, máis gris. É o reflexo da política do PP. Mentres España crece, Galicia mira. Esa é a Galicia da que queremos pasar páxina. Queremos chegar a esa mellor versión de Galicia que a xente quere e que podemos darlle.
O PP leva quince anos de goberno. Di que a súa é a Galicia que funciona. Vostedes, todo o contrario. Con que versión quedamos?
Cremos que é a Galicia que funciona mal. Baseámonos en datos. Se nos últimos quince anos perdemos 100.000 habitantes, se temos case tres veces máis de débeda pública, se perdemos poboación ocupada ou se perdemos peso industrial é que as cousas se fixeron mal.
É un balance francamente negativo. Mirar para outro lado non é unha solución. Deixar que os problemas se solucionen polo transcurso do tempo, tampouco. Hai que tomar decisións e hai que dirixir este país cara ao que pode ser conseguir oportunidades e non perdelas.
Por iso os socialistas falamos de hai que traballar por unha Galicia onde haxa máis emprego, máis prosperidade, máis riqueza e mellores salarios, pero tamén máis dereitos. É, en definitiva, outra Galicia diferente á do PP, con moita máis acción, máis movemento e máis cor.
Rueda adoita confrontar co Goberno. O PSOE defende que á contra non se consegue nada. Unha Xunta liderada polos socialistas mellorará esta situación?
A conexión dos socialistas galegos co Goberno de Estado está fóra de toda dúbida. Conseguimos máis cousas para Galicia nos últimos tres meses que o que conseguiu o PP nos últimos anos. Desa confrontación non sae nada intelixente nin nada positivo.
O que hai que facer é sumar forzas na mesma dirección. Hai que atraer investimentos. Hai que centrar a atención en Galicia. Podemos conseguir moitísimas máis cousas. A inacción, o mirar para outro lado ou o buscar responsables noutros lugares, non nos conduce a nada bo.
Nun momento no que a alternativa a Rueda parece asentarse ao redor de Ana Pontón, que pode facer o PSOE para dar a volta a esa situación?
Eu creo que efectivamente vai haber cambio. Pero ollo, que eu creo que o cambio vai ir nunha dirección distinta á que pensamos. Pode e vai haber sorpresas. Pero en todo caso, si confío no cambio e creo que o ciclo do PP se terminou. Galicia pasará páxina.
Chegado o caso, será posible un pacto de goberno PSOE-BNG?
Van a decidilo os cidadáns. Somos o único partido que non falamos polos cidadáns, senón que falamos aos cidadáns. Esperamos que nos contesten dicindo que queren unha Galicia máis próspera e dirixida por un presidente que o será de todos, non só duns poucos.
Preocúpalle a división de voto que poida haber na esquerda con Sumar e Podemos?
Ao final a opinión dos galegos irase decantando no voto de quen considere máis útil e máis eficaz para cambiar Galicia. Van buscar un valor seguro, que é o do PSOE. Somos o cambio cara a unha Galicia distinta. Temos un programa político serio, rigoroso e solvente, un equipo con experiencia de goberno e e un proxecto político que ten ambición de país. Isto é innegable.
Por que cre que a Vox ségueselle resistindo Galicia?
A verdade é que o ámbito da dereita e a ultradereita en España e en Galicia é todo un misterio. Esta campaña comezou co PP pedindo que non se presentase ninguén. A ambición do PP é a de que non se presente ninguén no espectro da dereita.
E iso que xa teñen unha sociedade ben forxada no Estado. É o que están a facer. Que ninguén se presente a votar nas eleccións, que ninguén se presente aos debates... en definitiva, que non se mova nada. Chegou o momento de que Galicia se mova e opte por un país distinto.
E dentro deste escenario, cre que o clima de crispación que se respira na política nacional pode afectar os votantes?
Eu creo que quen lle fala é unha persoa extraordinariamente moderada e tolerante, pero moi ambiciosa no que Galicia pode chegar a ser. Non creo que ninguén vexa en min a un crispador profesional, senón todo o contrario. Como dicía antes, quero ser o presidente de todos os galegos e non só duns poucos. A crispación non forma parte da miña acción política.
Nesta campaña, vostede fixo moito fincapé na necesidade de cambiar o modelo económico de Galicia. Que país propoñen os socialistas?
Resúmoo na frase máis empregos. E na reindustrialización necesaria de Galicia. Non o imos a ter fácil, pero ímolo conseguir. Farémolo da man dunha enerxía que se vai a producir aquí e que vai ser un verdadeiro reclamo para as industrias cheguen a Galicia.
Temos vento, auga ou biomasa en abundancia. E hidróxeno nun futuro moi inminente. Imos ser un territorio enerxético. Todo iso ten que ir da man do coñecemento, da intelixencia e das novas solucións tecnolóxicas, que son as que van achegar emprego no futuro.
O que temos que conseguir é aumentar o peso industrial de Galicia ata o 20% do PIB, o que crearía uns 40.000 empregos novos e mellor remunerados. Para nós, xestionar a prosperidade en favor da inmensa maioría dos galegos será a nosa acción diaria. Iso ímolo a sumar ao aumento e a protección dos dereitos. Ese o reto que temos por diante.
Vertebrar o país, segundo trasladaron, será outra das súas prioridades. Que se pode facer?
Pódese seguir co nivel de investimentos e impulsar o desenvolvemento das infraestruturas. Este primeiro trimestre daremos unha volta de porca máis á alta velocidade cos novos trens Avril, que van mellorar as frecuencias e o nivel de rapidez do tránsito ferroviario. E imos poñer en marcha un plan de impulso do transporte ferroviario para o tráfico interior.
No transporte metropolitano terminaranse as autovías estatais e a promesa que fago é a de traer a gratuidade da AP-9, esa columna vertebral que une Ferrol e a fronteira portuguesa, liberándoa desas cargas insufribles coas que o PP nos condenou ata 2048. E afrontar o novo reto do transporte marítimo de mercadorías e a súa distribución polo territorio nacional.
Galicia debe combater dúas realidades que nos están lastrando. A perda demográfica e a emigración dos mozos. Hai marxe de manobra?
Hai marxe de manobra. Hai que traballar e asumilo como un reto de país. Temos dous retos. O reto pola igualdade no seu amplo espectro. Non só a igualdade entre homes e mulleres senón tamén a igualdade de oportunidades. Cando unha familia non ten asistencia pediátrica para os seus fillos nalgún concello hai unha perda de igualdade.
O segundo reto é o demográfico. Aí pódese facer moitas cousas e débese empezar pronto. As políticas demográficas son a longo prazo e levamos moitos anos perdidos. Non se fixo nada para superar a dispersión poboacional, o envellecemento e a fuxida de mozos que non atoparon en Galicia o seu futuro ou non pensaron que Galicia podía darlles un futuro.
No últimos dez anos marcharon de Galicia case 60.000 persoas. É coma se de súpeto desaparecese a cidade de Ferrol. Xa non soamente temos que reter senón temos que atraer a xente nova para o proxecto de desenvolvemento industrial que temos os socialistas. Esa será unha política central no novo goberno.
Está a facer vostede un esforzo por achegar o PSOE á xente nova. Fixo compromisos en materia de deportes, vivenda, novas tecnoloxías... cre que estiveron desatendidos?
Non houbo política para os mozos. Poño un exemplo, vivenda pública. É a que permite aos mozos acceder a ela sen ter que destinar máis do 30 ou 35% dos seus ingresos xa sexa en venda ou alugueiro. Nestes quince anos só se fixeron 5.000 vivendas de protección pública.
O exemplo contrario, o que nos dá credibilidade a nós, é que no goberno do 2005 ao 2009, que é o antecedente inmediato ao PP, fixéronse 10.500 vivendas en catro anos. Houbo xusto o dobre que co PP en quince. Non houbo política de mocidade en absoluto. Nin a primeira.
A transición ecolóxica tamén forma parte das súas liñas mestras. Estamos a tempo de que Galicia poida liderar este proceso?
En 2009 eramos a primeira comunidade en capacidade para xerar enerxía renovable. Hoxe somos a cuarta ou a quinta. Facemos unha aposta definitiva de Galicia como territorio enerxético. Podemos ser unha verdadeira potencia en produción enerxética de renovables, incluíndo aí a eólica, a hídrica, a biomasa ou o hidróxeno, que é unha aposta de futuro importantísima.
Son moitos os que apuntan á sanidade e á educación, tamén á atención aos maiores, como os puntos máis débiles dos servizos públicos en Galicia. Como propón resolvelo?
Hai un déficit evidente na política cara aos maiores, fundamentalmente porque non hai unhas infraestruturas que permitan atendelos adecuadamente cando se converten en dependentes e non son autónomos. Temos que xerar novas residencias públicas nas que se lles atenda con dignidade e póidaselles dar a cobertura que necesitan.
E con respecto á sanidade, a aposta definitiva será completar o panorama que desatendeu o PP, especialmente na Atención Primaria. Por tanto, reflotar a situación da Atención Primaria será unha das primeiras medidas do próximo goberno galego, recuperando os planteis humanos e recursos materiais previos a todo o desmantelamento que sufriu.
E xa con respecto ao ámbito local, desde a Xunta que se pode facer para mellorar a atención que recibe Pontevedra?
Eu creo que o que non se pode facer é desatender ao mundo municipal. Cargouse aos concellos con competencias que non eran súas e sen transferir fondos para asumilas. O que non vai facer a próxima Xunta é facer oposición a Pontevedra, senón sumarnos a unha política coordinada e de cogobernanza que será moi beneficiosa para os cidadáns.
Que prioridades marcaríase o seu goberno con esta cidade?
A atención de todos os servizos públicos é absolutamente fundamental. A cobertura do ensino público, todo o que se refire ás prestacións dos servizos sociais e a atención sanitaria son medidas urxentes para desenvolver na cidade de Pontevedra. Todo é responsabilidade e competencia da Xunta e melloralo é un obxectivo prioritario para nós.
No pacto de investidura asinado co BNG figura a posta en marcha do proximidades Vigo-Pontevedra. Será unha realidade esta lexislatura?
Será unha realidade porque os socialistas nos comprometemosn. Quedará deseñado neste mandato de catro anos que se iniciou hai apenas uns meses.
Nó de Bombeiros, edificio de Facenda, paseo a Marín… son varios dos proxectos do Goberno central que parecen encallados. É posible avanzar neles?
Estamos nunha senda de cumprimento do pacto de investidura e os socialistas, á marxe desas cuestións, estamos a facer outras como oferta propia do PSOE. En todo caso, seguimos avanzando e evolucionando cara a unha mellor Galicia. Esa conexión co goberno de Estado vai reportar grandes beneficios.