Pontevedra envorcouse este sábado coa proba de categoría elite do Mundial de Tríatlon. Unha gran multitude de persoas ocuparon as rúas da cidade para apoiar aos tres pontevedreses participantes na proba, non só na bancada do CGTD situada ante a liña de meta, senón ao longo de todo o percorrido da carreira.
Javi Gómez Noya, campión do Mundo, Pablo Dapena, subcampión, e Saleta Castro coinciden á hora de falar sobre o público que os acompañou durante a competición. "A cidade estaba preciosa e o público, espectacular. Son desas cousas que non se esquecen e agradezo a toda a xente o seu apoio", asegurou Noya escasos minutos despois de cruzar a liña de meta. Dapena, ademais, engadiu que "hai que resaltar o desta cidade porque pon a pel de galiña. Quizais na Illa dás Esculturas estabas un pouco só, pero en canto chegabas á cidade, e vías o entregada que é Pontevedra, facíame pequeno". Castro chegou a emocionarse durante a proba, aínda que asegura que "temos que ir moi concentrados, porque senón pódennos xogar unha mala pasada". Con todo, confesou que "ata a primeira volta, que pasei polo centro da cidade, non fun realmente consciente de todo o público que había, pero na última volta hai que gozalo e notar a calor do público, que as emocións che aborden e chegar a meta".
O campión de Mundo declarou que, ademais de ser "moi especial, polo título en si e por ser en casa", tamén "estou moi contento polo segundo posto de Pablo. Estivo espectacular". Este último bromeou sobre as súas posiblidades de conseguir o ouro: "Se o soñásemos, creo que sería o mellor final que podería ter esta carreira. Se puidese queixarme sería ao revés, eu primeiro e o segundo, pero todos sabemos que Javi é Javi e eu son eu" (entre risas).
Sobre o desenvolvemento da proba, ambos aseguraron o seu desacordo coa decisión de acurtar o tramo a nado: "Creo que se podían nadar os 3000 metros perfectamente, pero bueno, deunos un pouco máis de vantaxe para saír tranquilos na bici", explicou Noya. Pola súa banda, Dapena engadiu que "non sei se houbo problemas ou non durante a proba dos grupos de idade, pero eu creo que a auga si que estaba para nadar o tramo completo". Ademais, os dous triatletas sinalaron a baixada de ritmo no último traxecto a pé de 10 quilómetros. "Pode parecer que acabei con vantaxe, pero non tiven nada claro ata a última volta porque sabía que ía a menos, ía pasándoo moi mal ao final da carreira a pé, pero creo que estabamos todos igual. Todos baixamos o ritmo", segundo afirmou Javi Gómez.
Pola súa banda, Saleta Castro, que finalizou en novena posición, manifestou a súa satisfacción por cumprir " un obxectivo. Xa antes da proba dixen que quería loitar polo top 10". Sobre a súa actuación na competición mundial, a pontevedresa destaca os seus puntos débiles na proba e afirma que "fixen unha boa natación, a primeira volta de bici tiven bastante frío e custoume entrar". Con todo, tamén queda co positivo e asegura que "corrín moi ben os 30 quilómetros e puiden manter a posición e iso dáme máis motivación para o próximo obxectivo que é o Iron man de Frankfurt e a conseguir a praza para Hawai".
No referente ás próximas citas de Javi Gómez Noya, o triatleta vive o presente e "aínda que a tempada segue, creo que hai que aproveitar cada momento, este é un título moi especial. Hai que gozalo", concluiu.