Despexouse por fin a incógnita. O Partido Popular cambia a súa postura pública sobre a continuidade de Ence na Ría de Pontevedra. Despois de anos apoiando a opción do traslado -Telmo Martín chegou a acusar á empresa de "roubar" os terreos sobre a que se asenta e a asegurar que "la dignidad de Pontevedra no está en venta"-, Jacobo Moreira entende que "o escenario cambiou" e os populares apoian agora a continuidade da pasteira na súa actual situación de Lourizán.
Moreira xustificou este xiro de 180 graos en dúas cuestións. Por un lado, a nova Lei de Costas, que abre a porta á continuidade da empresa máis alá do ano 2018, data que a remata a súa concesión; e por outro, a elevada taxa de paro que se rexistra en Pontevedra, con preto de 9.000 persoas nas listas de desemprego, o 28% da poboación activa do municipio. Antes, dixo, o traslado "era la mejor opción", pero actualmente asegura que "o sigue o cierra" e a cidade "no puede prescindir" do emprego que xera Ence.
O candidato do PP á Alcaldía recoñeceu que a situación da fábrica "fue un error" e a empresa atravesou unha "etapa negra" na que chegou a ser condenada pola Xustiza por delito ambiental. De aí que entenda que Ence é consciente de que está "en deuda" coa cidade e chegou o momento de que devolva "lo mucho que le damos". Pontevedra, sinalou, "ha aguantado lo peor de acoger estas instalaciones, esperamos que ahora llegue lo mejor".
A aposta de Jacobo Moreira pola continuidade de Ence, que fai por un "ejercicio de responsabilidad", pasa por unha serie de condicións. A principal, crear máis emprego. "No puede limitarse a mantener el que tiene, debe crear más empleo y de más calidad", afirmou o candidato popular. Asegura que será "beligerante" con esta cuestión e que non permitirá que a empresa reparta, como hai uns anos, millóns de euros en dividendos entre os seus accionistas mentres presenta un ERE aos seus traballadores.
"Ahora le toca hablar a la empresa", reiterou Moreira a preguntas dos xornalistas. "Tenemos que ver lo que ofrece para quedarse"
Ademais, esixirá á empresa unha redución "drástica" nas súas emisións e olores e que incorpore todas as melloras tecnolóxicas existentes en materia ambiental. Deben facer, avanzou, un esforzo "superior" para reconducir estes parámetros.
Moreira afirmou que a dirección provincial e galega do Partido Popular "conocen y comparten" o seu cambio de postura sobre Ence. "Ahora le toca hablar a la empresa", reiterou Moreira a preguntas dos xornalistas. "Tenemos que ver lo que ofrece para quedarse".
Aínda así, recoñece que esta opinión pode volver cambiar se a empresa non asume estas condicións que marca o candidato popular. A pesar diso, non cifrou os empregos que esixirá a Ence para apoiar a súa continuidade ou se considera que as emisións actuais da pasteira son máis elevadas do aceptable para unha fábrica destas características.
"ELNOSA SE TIENE QUE IR"
Este cambio de postura sobre Ence non é extensible á situación legal de Elnosa no mesmo complexo industrial. Jacobo Moreira afirmou que a actividade da compañía electroquímica é "mucho más peligrosa" que a da pasteira, polo que asegura que "se tiene que ir de ahí". Recordou que, neste sentido, xa asinaron un protocolo coa Xunta para trasladar a súa actividade, polo que reiterou que ambas as dúas cuestións non son comparables.