Iván Raña, de Pontevedra ao Salón da Fama do tríatlon mundial

Pontevedra
20 de setembro 2023

O deportista de Ordes, primeiro campión mundial español de tríatlon, foi incluído este mércores no Salón da Fama do seu deporte, nun acto celebrado coincidindo coa cea oficial previa á Gran Final das Series Mundiais. "Imaxínate o que supón para alguén que viviu o tríatlon cando eramos só 40 ou 50 nas carreiras en Galicia", explica sobre o recoñecemento e sobre poder gozar en Galicia dun evento de semellante nivel

Iván Raña, incluído no Salón da Fama do tríatlon mundial
Iván Raña, incluído no Salón da Fama do tríatlon mundial / Mónica Patxot

Desde Pontevedra ao Salón da Fama do tríatlon mundial. Iván Raña pasou a engrosar este mércores a lista de figuras a lembrar polo seu deporte a nivel internacional, nun acto celebrado na cea oficial previa á Gran Final das Series Mundiais.

O Liceo Casino de Pontevedra foi escenario do recoñecemento ao deportista de Ordes, todo un pioneiro como primeiro español en gañar un Mundial de tríatlon en 2002. No seu palmarés figuran ademais dous ouros europeos e outros tantos diplomas olímpicos nos Xogos de 2000 e 2008.

"O meu primeiro Mundial foi no 96", lembrou Fuentes en declaracións a PontevedraViva previas á homenaxe. "Levando tantos anos no mundo do tríatlon que se acorden de ti é agradable, teño que dar as grazas", sinala.

"É un recoñecemento que non é o que buscaba cando empecei a facer tríatlon, vén dado porque fas algo que che gusta e se che dá ben", explica aos seus 44 anos, aínda sen deixar por completo o mundo do deporte e tendo competido en multitude de probas e en todas as distancias posibles, incluíndo o mítico Ironman de Hawaii.

Iván Raña: "Imaxínate o que supón para alguén que viviu o tríatlon cando eramos só 40 ou 50 nas carreiras en Galicia"

Para Raña, tanto o pasar a formar parte do Salón da Fama do tríatlon como poder ver a Pontevedra organizar a Gran Final das Series Mundiais é algo moi especial. "Imaxínate o que supón para alguén que viviu o tríatlon cando eramos só 40 ou 50 nas carreiras en Galicia", afirma.

"Eu de pequeno soñaba con 10 ou 12 anos ser ciclista para pasar por diante da porta da casa en carreira, logo fun triatleta e tamén empecei a ter ese soño de correr algunha carreira importante nacasa", rememora. Foi algo que "puiden facer no Europeo cando foi en Pontevedra", defende, pero o gran evento internacional da modalidade olímpica son palabras maiores, por iso "creo que é unha sorte para os galegos poder vivir isto, para os afeccionados, para calquera rapaz que estea a ver a carreira creo que é un escaparate brutal para o deporte e para o triatlon".

Son palabras dun mito xa, con todas as honras, do tríatlon e que recibiu o agarimo dos seus. Un recoñecemento merecido que recibiu acompañado de compañeiros como Javi Gómez Noya e Pablo Dapena xunto a representantes institucionais e federativos.