A hostalería de Pontevedra colaborará activamente para que a gran final das Series Mundiais de tríatlon que se celebrarán a próxima semana na cidade sexa "a mellor da historia". Así o adiantou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
Fíxoo tras reunirse cunha representación do sector, á que lles deu as grazas por ser un dos servizos "fundamentais" que permiten que Pontevedra "chegara ata aquí" e sexa unha referencia internacional na organización de eventos deportivos.
Máis de corenta establecementos figuran como colaboradores deste campionato. Na páxina web desta gran final figura información para que os deportistas coñezan os distintos menús que ofrecerán, as quendas e horarios de comida ou a capacidade dos locais para atenderlles.
"Hai unha variedade grande de alternativas culinarias", sostivo o alcalde, que quixo destacar que ademais da "comida do país" haberá oferta de cociña internacional.
O responsable do restaurante Gumer, Javier Coya, sinalou que toda a hostalería da cidade está a "implicarse masivamente" para xerar entre todos un "ambiente fenomenal", esforzándose por adaptar horarios de cociña, traducir as súas cartas ou contratando máis persoal.
Os locais, engadiu, teñen xente "cada vez máis preparada" para atender ao turista internacional e defendeu que o seu labor será que os deportistas e os seus acompañantes "coñezan o que somos e se integren no que somos", gozando dunha gastronomía de "quilómetro cero".
Os diversos establecementos "nos esforzamos por dar a talla", subliña Víctor Pampín, xa que os horarios de comida noutros países "son diferentes", o que implica que a hostalería pontevedresa teña que adaptarse a estes costumes e adaptar a estratexia de negocio.
"Cónstame que todos os hosteleiros están a implicarse coa máxima profesionalidade e ilusión para deixar a Pontevedra á mellor altura", defendeu, tras agradecer que veñan á cidade este tipo de eventos porque "fan que Pontevedra estea no mapa a nivel mundial".
Moitos destes negocios aproveitaron o tirón do tríatlon para estender a tempada alta e manter os contratos que realizaron no verán para reforzar os seus equipos, aínda que outros realizaron novas contratacións que, mesmo, tiveron que adiantar.
É o caso Gloria Serrano, da cafetería Sonata, que asegura que "xa se nota" que os triatletas e os seus equipos comezaron a chegar á cidade, polo que ante o aumento da súa actividade optou por contratar xa a unha persoa coa que non contaba ata a próxima semana.