Icetattoo ofrece promocións en minitattoos durante o mes de febreiro para agasallar en San Valentín

Pontevedra
10 de febreiro 2023

Cibrán Boullosa, o propietario do estudo de tatuaxes e piercings Icetattoo, proponnos para regalar en San Valentín unha oferta especial de 2 minitattoos por 40 euros para unha persoa ou 50 euros se se comparten

Cibrán Boullosa tatúa a Nerea García no seu estudo Icetattoo
Cibrán Boullosa tatúa a Nerea García no seu estudo Icetattoo / Mónica Patxot

As tatuaxes son un agasallo cada vez máis demandado. De cara ao Día dos Namorados, tatuarse en parella pode ser unha boa opción.

No estudo de tatuaxes Icetattoo teñen ofertas especiais pensando en San Valentín, que ademais son válidas durante todo o mes de febreiro.

Cibrán Boullosa, o propietario de Icetattoo, detállanos estas ofertas especiais. "Durante todo o mes de febreiro temos 2 minitattoos por 40 euros para unha persoa ou 50 euros se se comparten. Temos tarxetas-regalo. As tatuaxes son lineais, máximo de 5 cm e cor negra. Se se quixese engadir unha cor que non fose negro ou combinalo con dúas persoas serían 10 euros a maiores".

Na nosa visita ao seu estudo de tatuaxes e piercings situado en Praza de Barcelos, 8, de Pontevedra atopámonos cunha parella que viña tatuarse aproveitando esta promoción. De momento, empezaron por dous minitattoos.

Nerea García e Rodrigo Bouzas cóntannos que son noivos desde hai dous anos e que a idea de tatuarse propúxoa Nerea. "O ano pasado Rodrigo foise a México de convenio bilateral ao acabar a carreira e decidín ir velo. O día que fomos visitar o Chichén Itzá el levaba un gorro que me fixo moita graza e como teño un recordo de que ese día foi moi emotivo, vou tatuarme a el co gorro e os dous da man, e logo unhas letras que poñen 'This is the place', porque sentín que ese era o meu sitio", afirma Nerea.

Rodrigo confirma que "ela xa quería hai tempo facer algo xuntos, onte ensinoume o deseño e gustoume. Eu pedín cita para outro día e teño en mente varios deseños, si que me gustaría facerme nun futuro algo relacionado cos dous, teño tres tatuaxes e quero encherme o brazo".

Pola súa banda, Nerea demostra que as tatuaxes non son unha moda temporal. No seu caso, tamén proxecta facerse máis minitattoos no brazo, que se unirán aos que xa loce: "Teño tatuaxes de flores, a frase en francés 'Que veña o mellor e non o peor', uns dados que é como o meu totem pola película Orixe e signos maias. Tamén teño tatuada detrás a palabra 'amor' cunhas copas de viño e 'mi little princess' porque a miña nai e a miña avoa chámanme así".

Cibrán confírmanos que por Icetattoo "adoitan vir parellas todo o ano a facer algo en conxunto ou parecido, mesmo grupos de amigos que se fan todos o mesmo".

Con especial agarimo lembra a visita de dúas mulleres que roldaban os 70 anos. Unha delas tatuouse as iniciais dos seus netos no pulso e a outra animouse a facerse unhas pequenas estrelas. 

A clientela que acode a tatuarse é diversa, pero pola súa experiencia Cibrán calcula que pode estar comprendida maioritariamente entre os 25 a 40 anos.

Tamén os temas e estilos das tatuaxes que se demandan son variados. "Motivos nos minitattoo hai de todo, sobre todo nomes, números, datas, siluetas, corazóns, un pouco de todo, non sabería que dicirche".

Para as persoas que estean pensando tatuarse pero que aínda non se decidiron a dar o paso, Cibrán Boullosa aclara que hoxe por hoxe é indoloro. "O máis normal é que a xente que chega con medos nada máis empezar a tatuala díganche 'de verdade era isto?'. Non hai dor, só coa excepción da zona dos nocellos ou as costelas, aínda que tamén hai a xente que tampouco aí lle doe".

Ademais, o proceso de realización da tatuaxe é moi breve. "O tempo tatuando un nome pequeno ou unha data, sen ter en conta a organización de antes de imprimilo e facer o calco, eu creo que non pasa de dez minutos".

Para pedir cita, Cibrán anima a realizala a través do seu Instagram @icetattoo ou ben por teléfono: 644 476 537.