Javier Gómez Noya será un dos grandes favoritos na liña de saída do campionato do mundo de tríatlon de longa distancia que se celebrará en Pontevedra o próximo 4 de maio, dentro do ITU Multisport Festival que acollerá a cidade desde o 27 de abril, unha carreira na que "sairei a gañar", asegura, pese que a súa preparación este ano vai encamiñada á distancia curta.
Coincidindo co seu 36 aniversario, o campeonísimo galego participou este luns vía teleconferencia na presentación do Banco Santander como patrocinador principal do Festival Multideporte de Tríatlon e confesou algunhas das súas impresións sobre o evento e a tempada que está a comezar.
O Mundial de Pontevedra, defende, "é un obxectivo complicado porque é unha distancia que nunca corrín", pero trátase dunha meta que lle fai especial ilusión por celebrarse na casa. De feito, recoñeceu que "se este Mundial fose en calquera outro lugar posiblemente non o correría porque estou máis centrado na distancia olímpica para volver aos Xogos".
Gómez Noya, sobre o ITU Multisport Festival: "Eu se non competise tampouco mo perdería como espectador"
Aínda que nunha entrevista recente en PontevedraViva o seu amigo e compañeiro Pablo Dapena descargaba a presión sobre el, ten claro que Dapena estaba "a botar balóns fóra", sinalou entre risas, porque como actual campión mundial da distancia "é un dos rivais máis importantes senón o máis importante, demostrou ser moi forte nesa distancia e igual que eu coñece moi ben o circuíto".
"Teña máis presión un ou outro, ao final é unha carreira e os dous estaremos aí" vaticinou sobre o que espera da carreira pontevedresa, unha cita para a que quixo animar a toda a cidadanía. "Eu se non competise tampouco mo perdería como espectador", defendeu Javi Gómez Noya, para quen correr ante os seus veciños "é un luxo" do que garda de competicións anteriores "moi bo recordo sobre todo polo apoio".
Agora só falta un factor, a meteoroloxía, xa que "se o clima acompaña será un gran espectáculo seguro", sentenciou ante os medios de comunicación.
Antes de competir no ITU Multisport Festival, Gómez Noya probarase o vindeiro domingo 31 de marzo na Copa do Mundo de New Plymouth, Nova Zelandia, e ten previsto estrearse nas Series Mundiais de 2019 o 27 de abril en Bermuda.