García Comesaña lembra que a "gran cidade sanitaria" de Pontevedra forma parte do programa electoral do PPdeG

Pontevedra
11 de febreiro 2024

O conselleiro de Sanidade e candidato na lista por esta provincia visitou as obras do Novo Montecelo xunto a integrantes desta candidatura, alcaldes e portavoces populares desta área sanitaria

García Comesaña xunto a outras integrantes da candidatura, alcaldes e portavoces do PPdeG
García Comesaña xunto a outras integrantes da candidatura, alcaldes e portavoces do PPdeG / PPdeG

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade e integrante da candidatura do PPdeG pola provincia de Pontevedra, visitaba este domingo 11 as obras do Hospital Novo Montecelo cuxa segunda fase, dicía, forman parte do programa electoral deste partido para as eleccións autonómicas do 18F e que  levará a cabo a próxima lexislatura.

Eses compromisos programáticos pasan por reformar o actual Montecelo para que albergue os servizos que agora se ofrecen no Hospital Provincial. Así, integrarase toda a infraestructura hospitalaria pública de Pontevedra nunha "gran cidade sanitaria" e as instalacións do Provincial pasarán a ser unha residencia universitaria.

Precisaba tamén os servizos que incorporará a área sanitaria de Pontevedra - Salnés: radioterapia e medicina nuclear, UCI pediátrica, e hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil. Todo iso evitará desprazamentos a Vigo e tamén ingresos psiquiátricos de menores noutras áreas sanitarias. Avances que "serán froito do traballo que temos feito e serán exemplo de que, cun goberno estable do PP, a sanidade pública mellora e a cidadanía gaña en servizos", dicía.

A previsión é concluír este ano a construción do novo hospital ao que se destinou ata o de agora 90 millóns de euros e cuxa cifra chegará aos 130 millóns. "Todo este traballo pola saúde e benestar desta cidade e a súa área sanitaria foi e será liderado por un veciño de Pontevedra comprometido coa súa cidade e coa sanidade pública, como é Alfonso Rueda", concluía.

Durante a visita estivo acompañado doutras integrantes da candidatura popular pola provincia de Pontevedra, así como por alcaldes e portavoces da formación política nos concellos que pertencen a esta área sanitaria.

Arquivado en