"Tradición familiar, ilusión, paixón, excelencia e compromiso cos nosos clientes". Esta frase acompaña o perfil de Joyería Ferse nas súas redes sociais. Non é casual que as primeiras palabras se refiran ao legado familiar. "A historia é o máis importante, sen historia non hai presente nin futuro", afirma Jorge Fernández Couto, o xerente de FERSE dende que en 2007 collese a testemuña da xoiería fundada polo seu pai, Guillermo Fernández Seoane.
"O meu pai empezou no ano 79 cun pequeno taller na rúa Cobián Roffignac, logo deu o salto a este local de Daniel da Sota, que se foi ampliando co paso dos anos. Compartimos man a man anos de experiencia e desde hai uns 15 anos o meu pai púxose a un lado", explica o xoieiro.
Actualmente, FERSE ten dúas tendas en Pontevedra. Na de Daniel da Sota 10 "dedicámonos máis ao ouro, á brillantería e á reloxería" e na da rúa Oliva 5 "temos un espazo en exclusiva dedicado á marca Pandora, e ademais a prata que fabricamos ou compramos nós, máis ou menos cada tres meses imos a Italia a comprar as últimas tendencias".
A persoa que entra nunha tenda FERSE vai ser recibida por un equipo experto en ofrecer un asesoramento personalizado e comprometido co cliente. "O equipo é todo, o produto pode ser fantástico pero se detrás do mostrador non hai un feeling, un sorriso, unha boa cara, unha atención… E creo que en FERSE facémolo diferente". Jorge Fernández subliña ese trato próximo pero tamén informal, sen perder o respecto, e insiste en achegar a xoiería a diferentes públicos. "Si nos damos conta de que a xente dende fóra ve a xoiería como algo súper caro, e en realidade non é así. Na tenda de prata temos pezas moi alcanzables. E en especialidade, temos ouro, que é un pouquiño máis caro pero non caduca, non se estraga... Queremos que a xente vexa que a xoiería é accesible e que ten o gran valor de que perdura no tempo".
PUNTUALIDADE CON ELEGANCIA
O distintivo Swiss Made (fabricado en Suíza) está protexido pola lei e actúa como garantía de calidade. En FERSE apostan pola precisión suíza, "gústannos moito as marcas suízas e tamén os reloxos xaponeses, que están moi ben e son tendencia", matiza Fernández Couto.
"A última marca que incorporamos foi Oris, en novembro do ano pasado, e está a ter bastante aceptación, mesmo fixemos un evento con clientes para desmontar e montar reloxos, algo un pouquiño diferente". A Oris súmanse Baume & Mercier, Maurice Lacroix, Certina e Tissot, que representan a esixente arte da reloxería suíza. Ademais, en FERSE tamén se poden atopar outras marcas de referencia como Seiko, Viceroy e Daniel Wellington.
XOIERÍA CONTEMPORÁNEA
"En xoiería traballamos non hai moito unha marca nacional que se chama Gold & Roses, que son unhas mozas de Madrid que fan unhas cousas diferentes. Mesmo como embaixadora, sen selo, a Raíña de España Letizia usa moitas xoias de Gold & Roses, tamén as infantas. Levamos con esta marca dende os comezos, cando non a coñecía ninguén apostamos por ela, e realmente gusta moito", indica Jorge Fernández.
Unha firma que tamén destacaría o xerente de FERSE é a italiana Chimento, "que é máis coñecida, con moita máis tradición, ten cousas súper divertidas cunhas formas diferentes, que gustan moito".
Outra referencia de "xoiería contemporánea e innovación italiana" é Pesavento. "Unha marca que traballa prata e ouro e que ten coleccións que namoran, realmente quen se compra unha peza de Pesavento aos poucos meses volve e compra outra".
Nuns meses, para o Nadal avanza que chegará unha nova marca tamén co selo made in Italy, aínda que de momento Jorge Fernández se reserva os detalles. "Gústame moito o deseño, a innovación, e cremos moito en traer marcas punteiras noutros países a Pontevedra, que é a clientela que nos demanda cousas distintas".
A maiores, FERSE tamén deseña e fabrica nos seus talleres. "Cada vez estamos comprando máis brillantería, pedras preciosas en orixe, para ofrecer pezas de alta calidade, non lles chamamos únicas pero si contan con poucas unidades para que se diferencien. Pezas sinxelas cun toque FERSE que aos nosos clientes lles gusta moito".
BAILE DA PEREGRINA
Pontevedra está en festas e para FERSE hai unha cita entrañable: o Baile da Peregrina. "Hai moitas clientas que lle compran a primeira xoia un pouquiño especial á súa filla, porque é a posta de longo, fanlle un vestido marabilloso e queren acompañalo cunha xoia pensada para ese día, que ademais sabemos que vai perdurar".
Ademais, como este ano por primeira vez os mozos pódense presentar no baile, en FERSE pensan que un reloxo ou uns xemelgos poden ser un agasallo ideal.
No seu taller tamén restauraron xoias de clientas que querían lucilas no Baile da Peregrina. "Son xoias especiais que teñen gardadas e nós dámoslles unha volta, restaurámolas ou dámoslles unha limpeza, mesmo hai quen quere comprarse unha xoia para lembrar a posta de longo das súas fillas".
ÚLTIMAS TENDENCIAS
Jorge Fernández lembra a última anécdota que viviron na tenda de Daniel da Sota. Unha moza interesouse por uns pendentes de ouro e mentres llos mostraban comentou que levaba postos varios pendentes que comprou nunha tenda de bixutería "pero téñoos negros, son horribles", laiábase.
"Entón sacou tres dunha orella e dous doutra e fixémoslle un outfit de buracos, por dicilo dalgunha maneira. Levou dous aros diferentes, pedras e unha perla, algo totalmente distinto. Como quedou encantada, puxo a foto na súa rede social e ao pouco chamounos para darnos as grazas, que ela non pensaba que a xente se fixaba tanto nas xoias e que tivera unha chea de repercusión en Instagram. Mesmo foi a tomar un café cunha amiga que lle dixo que lle encantaban os seus pendentes e as dúas viñeron pola tenda e tamén a amiga levou os seus pendentes".
É un éxito que Jorge Fernández aproveita para remarcar que en FERSE pódense atopar pezas adaptadas para todos os orzamentos e ocasións. "Nos escaparates tentamos poñer cousas novas, diferentes, pero dentro tamén hai un fondo de xoiería clásica, de Comuñón, cruces, aros… pezas básicas do día a día".