As Festas da Peregrina son para os curmáns Araújo un recordo afastado, á vez que entrañable. O maior, Miguel, con 66 anos recentemente feitos leva cincuenta anos sen vacacións, salvo días soltos. "Lembro levar ás miñas fillas ás barracas e a Batalla de Flores, pero xa hai moito tempo", apunta. O menor, Benito, coñecido como "Koki", con dez anos menos, viviu a festa con intensidade ata que con 16 anos se incorporou ao negocio familiar. "Parei para facer a mili", confesa cun sorriso.
Ambos están á fronte de Ferretería Gallega, na rúa Real, 30, un dos establecementos máis emblemáticos de Pontevedra. Case sen darse conta, atopan unha conexión actual coa Semana Grande pontevedresa na trastenda do seu establecemento. "Mira, estas son as bandexas para colocar os balotes, como os de Tiro Madrid que viña á Peregrina, alí si que fun cando era un rapaz", descóbrenos Benito. Unha das moitas curiosidades que gardan nunha ferraxería con máis de setenta anos de historia.
Entre Luís Miguel Araújo Cortegoso e Benito Araújo Fernández, insisten en poñer o apelido das súas nais, mostra máis desta forte vinculación familiar, rememoran a historia de Ferretería Gallega. Foi no ano 1947 cando Daniel Araújo, "outro tío noso maior que os nosos pais", que tiña unha carpintería-ebanistería, montou a actual ferraxería. Ao pouco tempo, deuse conta de que "isto non é para min" e decidiu emigrar a Venezuela. Entón, ofreceulles aos pais de Miguel e Benito, que xa traballaban con el, continuar co negocio.
"Máis tarde, Miguel non quixo estudar máis e… para aquí, e eu tampouco quixen estudar e… para aquí", recoñece Benito entre risas. A partir de entón aparcaron os libros de texto pero nunca deixaron de estudar. Empapáronse de catálogos e aprenderon a localizar os miles de produtos que atesoura Ferretería Gallega. "Recordo que ao mostrador tíñalle pánico, pero logo cos anos xa superei o medo escénico", admite Benito. De feito, se tivesen que destacar a "marca da casa", ambos curmáns aseguran que é o bo trato co cliente. "É o trato que nos ensinaron os nosos antepasados", matiza Miguel.
MILES DE REFERENCIAS
A pregunta do millón é: como logran memorizar todas as referencias? A resposta ten truco. "Aprendías o oficio varrendo, metendo pezas nos parafusos, ordenando caixiñas, rotulando, e vas aos poucos ata que aprendes todas estas referencias, e aínda así non sabemos todo porque sempre nos estamos preguntando o un ao outro. O meu pai en cambio tiña boa memoria para os números e aínda se acorda de referencias de pechaduras antigas que xa non se usan, e iso que xa perdeu memoria aos seus 95 anos", explica Benito.
Para facernos unha idea do volume de existencias en Ferretería Gallega, Miguel sinala unha caixoneira detrás do mostrador e fai as súas contas. "16 caixóns por 9 filas dános 144, e isto polos 3 módulos que ten cada caixón serían 432 referencias só neste moble, que xa ves que ocupa unha pequena parte da tenda". Ademais da zona de venda ao público, inzada de caixas e caixóns, hai que sumar todos os produtos da trastenda, distribuídos por varios corredores e estantes ata o teito, ademais dos dous almacéns que posúen próximos.
PEZAS CON HISTORIA
Durante anos, a Gallega foi adquirindo mercadoría de ferraxerías que cesaban a súa actividade. "Comprouse a Coruña, a Ferrol, a Lleida, a Barcelona…". Da Cidade Condal chegou un dos cargamentos máis copiosos. "Veu un tráiler, aparcou en Tafisa e logo con furgóns pequenos houbo que transvasalo ata aquí", asegura Miguel. De Barcelona tamén proveu un dos pedidos máis estraños: bisagras para unha neveira de madeira. "Non sabemos como deron connosco, se cadra por subir algunha foto a Internet". Supoñen que o cliente quixo montar algún tipo de decoración imitando os bares antigos que tiñan neveiras de madeira onde se gardaban as barras de xeo. "Son pezas que xa hai 50 anos que non se fabrican" e das que, de momento, nesta ferraxería pontevedresa seguen tendo existencias.
Outro dos produtos que vén con historia é unha curiosa peza que hai uns cinco anos descubriron nunha caixa. Nin Miguel nin Benito foron capaces de discorrer o uso dese artefacto. Polo seu pequeno tamaño, intuían que debía ser un instrumento para un traballo de precisión. "Pensei mesmo que era un arpa de boca, pero tampouco me encaixaba", admite Benito, "ata que veu o rapaz, subiu unha foto a Internet e a través dunha aplicación identificou que había un a vender na páxina web Todocolección". E de aí concluíron que o aparello en cuestión era un abrochador-desabrochador de corsés. "Debía ser para levar no peto, porque é pregable, e co ganchiño as mulleres ían tirando dos cordóns e afrouxando". Benito comenta que os tiveron á venda no mostrador co cartel "afrouxacorsés" e que rapidamente se esgotaron. Desa remesa, reserváronse cinco, que non están á venda.
As pescudas para darlle nome ao "afrouxacorsés" partiron de Sergio Abilleira, a última persoa que se incorporou ao equipo de Ferretería Gallega e que procedía da antiga Ferretería Varela. "Aquí chegamos a estar oito e hoxe estamos tres. Todos se foron xubilando. Eu xa teño a idade, pero este é un negocio familiar e non queres tirar con todo o que fixeron os teus pais, levo 50 anos aquí", anota Miguel.
De momento, valora ter a tenda aberta dez anos máis, cando Benito alcance a idade de xubilación. Capearon varias crises económicas e nos últimos tempos a competencia do comercio en liña está a ser moi dura. Pero hai un aspecto no que portais como Amazon nunca poderán rivalizar: o trato exquisito que se lle dá ao cliente que, sempre, atopa unha solución. "Por exemplo, cousas que xa non se fabrican, sobre todo en pechaduras antigas de chave grande que todas as fai practicamente un único fabricante do País Vasco. Pedímosllas e fan unha partida delas para Ferretería Gallega. A xente di que aquí é o único sitio onde as atopa". E para aqueles produtos nos que xa non hai repostos, incluso o propio Benito, "o mañoso", como o define o seu primo, adapta outras pezas para que o cliente nunca marche coas mans valeiras. "Solucións, aquí, é o día a día, desde hai 76 anos", sentencian.