Feijóo conclúe que Rafa Domínguez é a "única garantía de cambio" en Pontevedra

Pontevedra
24 de maio 2019

As últimas mensaxes do presidente foron para "chamar á mobilización" e "unir o voto" destacando que o vindeiro domingo "imos elixir a Pontevedra do ano 2023" no convencemento de que na Boa Vila "é obvio que haberá un cambio"

Paseo de Feijóo con Rafa Domínguez por Pontevedra
Paseo de Feijóo con Rafa Domínguez por Pontevedra / Mónica Patxot

A xornada maratoniana programada polo equipo do presidente da Xunta e do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, para este último día de campaña levoulle de periplo polas sete grandes urbes de Galicia coa sorte de que puido deterse para comer con tranquilidade no restaurante La Cámara da Praza do Teucro, onde xunto á súa comitiva estivo acompañado dos membros da candidatura local do PP.

As últimas mensaxes do presidente foron para "chamar á mobilización" e "unir o voto" destacando que o vindeiro domingo "imos elixir a Pontevedra do ano 2023" no convencemento de que na Boa Vila "é obvio que haberá un cambio".

Feijóo reiterou que "votar ao Partido Socialista, ás Mareas de Podemos ou a Cidadáns é, xustamente, a garantía de que non haxa cambio, porque sempre se poñen ao dispor do BNG e do alcalde actual".

Para o líder dos populares galegos "Rafa Domínguez é a única garantía de cambio en Pontevedra" e engadiu que "as cousas que son necesarias non se deben de pospoñer".

As eleccións municipais deste domingo determinarán de forma indirecta a composición da Deputación. O Partido Popular esperará a coñecer o resultado que depare as urnas para elixir os seus candidatos. "Hai algúns partidos que a presidencia da Deputación vén dirixida ou teledirigida non desde Pontevedra senón desde outra cidade da provincia", comentou Feijóo. "Así lle vai a Pontevedra", engadiu.

Rafa Domínguez compartiu as "moi boas sensacións" que percibe e chanceou con que a súa única preocupación é "que a xente acuda ás urnas masivamente para votar ao Partido Popular". Para el esta campaña foi "unha experiencia fantástica", dixo estar "encantado" e expresou o seu desexo de que "oxalá durase 15 días máis".