Escolares sós, pero en compañía

Pontevedra
31 de outubro 2015

O proxecto Camiños Escolares foi ampliando progresivamente o seu radio de acción, tanto en centros educativos participantes como en escolares que van sós aos seus colexios. PontevedraViva acompañou a cinco estudantes das Doroteas no seu traxecto ata o seu centro escolar

Os cinco reunidos en Benito Corbal
Os cinco reunidos en Benito Corbal / Mónica Patxot

Cinco mozas e mozos, de once a trece anos, alumnos do colexio das Doroteas, prestáronse a que lles acomparáñamos no traxecto entre as súas casas e o centro educativo. Aínda que xa comezaran a ir sen compañía de adultos o curso anterior, este ano participan do proxecto Camiños Escolares. Ofrecéronlles unha charla no colexio para expoñerlles a iniciativa municipal e sumáronse á proposta.

As dúas primeiras en saír son irmás. Candela e Gabriela Pacheco Gregorio teñen trece anos, veñen do Gorgullón e recollen a Saleta Tenorio Maigler en Blanco Porto. Saleta ten a súa mesma idade e tamén está afeita desde o curso anterior a ir soa ao colexio. É unha mañá chuviosa, como outras tantas en Galicia. Circunstancia que non cambia os seus hábitos. "Estamos afeitas", di Saleta, que ademais leva un vistoso paraugas multicor que protexe ás tres mozas. 

En Benito Corbal, chaman ao porteiro automático da vivenda de Hugo e Rubén Vázquez Ferro, de doce e once anos, e enseguida únense ao grupo. Dado que xa o ano pasado ían camiñando, preguntámoslles cal é a diferenza entre un curso e outro. Candela e Gabriela responden as primeiras case ao unísono: a seguridade. Algo que presta o persoal de apoio aos escolares que se sitúa en determinados cruzamentos. Eles atópanos en tres puntos: en Joaquín Costa, no cruzamento de Benito Corbal con Sagasta e na rúa Echegaray. 

Van seguros, pero a súa independencia como peóns, non se reduce ao camiño escolar. Nesta sentido, Candela apunta que en ocasións os condutores non respectan os pasos de peóns ou os semáforos como debera ser. 

Ademais da seguridade, engaden que ir camiñando lles fai chegar máis espertos a clase. Afirmación que demostra de forma evidente Rubén. Cando sae de casa é o seu irmán quen fai as presentacións, pero para cando chegamos á praza de España, é o máis falador. De feito, acaba sendo case o entrevistador: "de onde sodes? Eu son de Sanxenxo, pero viñemos vivir a Pontevedra", dinos.

Explica que no municipio do Salnés ía ao colexio acompañado dos seus pais, pero aquí en Pontevedra, non. Polo que nos conta, o que non leva tan ben é que "aquí non hai praias e chove máis", pero pola contra poden acudir a diversas actividades extraescolares xa que non precisa coller un autobús cada día para regresar a casa. 

Gustoulle isto de ter xornalistas preto. "O meu irmán xoga ao fútbol indoor, ides vir?". Chegamos ás portas do colexio, decenas de nenos agardan na entrada, outros se despiden dos seus pais antes de que cada un vaia a cumprir coas súas obrigacións. Moitas grazas aos cinco, e perdón por facervos espertar algo máis cedo do normal.