Errejón pide un "gobierno de cambio" en Galicia que axude "a echar a vuestro paisano" da Moncloa

Pontevedra
18 de setembro 2016

O secretario político de Podemos acompañou este domingo ao candidato de En Marea á Xunta, Luís Villares, no mitin celebrado na céntrica Praza da Perergina. "Precisamente no berce de Mariano Rajoy reclamamos unha forma diferente de facer política, reclamamos a ética, a decencia e a honestidade", defendeu Villares na súa intervención

Mitin de En Marea na Praza da Peregrina
Mitin de En Marea na Praza da Peregrina / Diego Torrado

En Marea protagonizou este domingo na céntrica Praza da Peregrina o acto central da súa campaña na cidade de Pontevedra, no que o candidato da coalición á Xunta, Luís Villares, recibiu o apoio do secretario político de Podemos, Iñigo Errejón.

O dirixente da formación morada pediu "un gobierno de cambio" en Galicia para que con "una mayoría popular nueva nos echéis una mano para echar a vuestro paisano", sinalou en clave nacional en relación ao presidente do Goberno en funcións, Mariano Rajoy.

Errejón asegurou ademais desconfiar das enquisas electorais lembrando que "las grandes transformaciones en las grandes ciudades gallegas no salían en las encuestas", polo que confía en que "el cambio político lo traiga la gente el próximo domingo con sus votos".

Tamén Luís Villares ve nestas encuenstas previas "a última entrega dun receitario de cociña", polo que "non lle damos maior valor".

Na súa intervención, o candidato á Xunta por En Marea acordouse dos "tres anos e medio que estudiei a xudicatura" en Pontevedra e tamén fixo referencia ao presidente do Goberno, para defender que "precisamente no berce de Mariano Rajoy reclamamos unha forma diferente de facer política. Reclamamos a ética, a decencia e a honestidade".

Villares presentou na cidade de Lérez as medidas de rexeneración democrática que figuran no seu programa, e que pretenden acabar coas "portas xiratorias" como a que, asegura, levou a "ex-conselleiros de medio ambiente a acabar nas empresas máis contaminantes do país como Ence".

Tanto o aspirante a presidente galego como os seus compañeiros no acto acordáronse da prórroga da pasteira apostando "polo rexeneramento integral das nosas rías para poñer en valor non só a riqueza ambiental, tamén a riqueza marisqueira, a riqueza produtiva e a riqueza turística".

Tamén interviñeron o o mitin a cabeza de lista de En Marea pola provincia, Carmen Santos, e outros integrantes da lista como Xoán Hermida, Eva Solla e Marcos Cal.

Arquivado en