Distintos representantes da formación política de En Marea realizaban este mércores unha escenificación da situación que moitos mozos galegos teñen que asumir para buscar traballo. Unha decena de integrantes deste partido desprazábase desde a oficina de emprego situada en Eduardo Pondal ata a estación de trens portando maletas e simbolizando o percorrido que centenares de mozos da comarca realizan para atopar un traballo de calidade fóra de Galicia ante a precariedade laboral e a escaseza de postos de traballo que se rexistra na comunidade galega.
Xoán Hermida, número seis na provincia de En Marea, sinala que a xeración máis preparada formativamente ten que emigrar, levar a cabo o exilio económico, para obter un emprego.
En Marea quere poñer en marcha medidas para fomentar o desenvolvemento, recuperar os sectores produtivos do país e outro programa de retorno de emigrantes para que poidan retornar os mozos que se viron obrigados a buscar emprego no exterior. Ademais, esta agrupación política quere adoptar a medida de implantar unha renda básica de cidadanía para, precisamente, frear a fuga de capital humano. Sempre que se asegure unha renda básica non se aceptará un traballo de mala calidade e os mozos poderán seguir vivindo en Galicia, aínda que sexa con dificultades, sinala Xoán Hermida.
Pola súa parte, César Maquieira denunciaba que en Galicia a taxa de contratación de persoas con discapacidade é tan só do 27% e que o 81% das empresas con máis de 50 traballadores incumpren a lei de Integración Social de persoas con discapacidade, que obriga á inclusión dunha porcentaxe destas persoas
Este mércores, a número 1 da candidatura de En Marea por Pontevedra, Carmen Santos, manterá un encontro veciñal en Cuntis no Centro Xosé Raído Patelas ás 21.00 horas.