Pontevedra terá un maior protagonismo na xestión da Xunta, se En Marea accede ao goberno. Así o destacaron Luis Rei e Xoan Hermida que, acompañados polas representantes pontevedresas do partido no Congreso e no Senado, Ángela Rodríguez e Vanessa Angustia, presentaron as súas propostas para a cidade do Lérez.
"O papel de En Marea na vindeira Xunta de Galicia será fundamental para dar respostas satisfactorias aos déficits de Pontevedra", asegurou o portavoz de Marea Pontevedra, nunha comparecencia diante do edificio administrativo da Xunta en Campolongo.
Así, En Marea comprometeu un Montecelo "cen por cento público", a ampliación das prazas en escolas infantís coa apertura de dous centros novos, a construción dunha nova residencia da terceira idade, a posta en marcha dun plan de transporte público ou a recuperación da ría coa anulación da prórroga a ENCE e a instalación dun sistema de depuración sustentable.
Ademais, Luis Rei destacou que desde Marea Pontevedra velarán porque a Xunta facilite a elaboración dun PXOM que "ordene o crecemento do concello para as próximas xeracións".
"Estou convencido que na axenda do goberno da Marea, Pontevedra terá a presenza do que careceu durante o goberno de Núñez Feijóo", concluíu.
Pola súa banda, Ángela Rodríguez e Vanessa Angustia destacaron que a Xunta "do cambio" terá unha colaboración "permanente" desde as parlamentarias de En Marea no Congreso e no Senado.
Segundo sinalaron, hai cuestións "relevantes" para o cambio no país "nos que temos que traballar conxuntamente dende Madrid". En Pontevedra citou expresamente casos "sangrantes" como ENCE, a A-57 e cuestións "transversais" como a igualdade ou a vivenda.