En Marea chama aos galegos a ir a votar e "espallar a voz" de que eles son a alternativa

O Salnés
22 de setembro 2016

O Grove foi a vila que visitaron este xoves os candidatos de En Marea pola provincia de Pontevedra, Carmen Santos, Marcos Cal e Eva Solla para presentar o programa electoral co que o partido se presenta a estas eleccións galegas do 25-S

Mitin de En Marea no Grove con Xulio Ferreiro e Carmen Santos
Mitin de En Marea no Grove con Xulio Ferreiro e Carmen Santos / En Marea

O Grove foi a vila que visitaron este xoves os candidatos de En Marea pola provincia de Pontevedra, Carmen Santos, Marcos Cal e Eva Solla para presentar o programa electoral co que o partido se presenta a estas eleccións galegas do 25-S.

Acompañados da portavoz de En Marea no Congreso, Alexandra Fernández, e do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, todos eles fixeron un chamamento aos galegos para que vaian votar o domingo e que sirvan para "espallar a voz" de que eles son a alternativa ao goberno do PP.

Os candidatos expuxeron algunhas das propostas do programa especialmente no tocante ao sector turístico e pesqueiro, pero tamén cuestións relativas a servizos públicos, a necesidade de reforma da PAC como ferramenta indispensable para protexer os sectores primarios e a "obrigación civil e case moral" de abordar un plan de investimentos neses sectores que lles garanta poder competir en situación de igualdade.

Carmen Santos, cabeza de lista por Pontevedra, aludiu na súa intervención á necesidade de botar ao PP das institucións para poñelas ao servizo da xente, "como xa están a facer os alcaldes do cambio, os alcaldes rebeldes", dos que resaltou medidas como a Renda Social Municipal, grazas á que "ningunha persoa terá que pasar fame ou frío".

"Que non nos digan que non se pode, porque menten e estes compañeiros son boa proba de que así é", engadiu.

A número un pola provincia tamén se referiu á necesidade de ir votar o próximo domingo para evitar que unha baixa participación "favoreza ao señor Feijóo" e o seu partido, ese do que "case non se ve o nome en ningures" porque asegurou que Galicia "non pode aguantar máis tempo o espolio ó que a someten eles, coas súas medidas para os amigos e o pago de favores empregando o que é de todas e todos".

Pola súa banda, Xulio Ferreiro referiuse ao papel primordial da militancia e da xente común "neste proceso histórico de cambio político" e destacou que "esa forza é a que imos levar ás urnas o próximo domingo para empezar a construír un país mellor, un país máis xusto".

Alexandra Fernández puxo en valor as propostas defendidas por En Marea no parlamento español e referiu a necesidade dun cambio político que amplíe as competencias do pobo galego, "que xa non aguanta máis este sangrado".

Arquivado en