En Marea aposta por aplicar na Xunta unha democracia "máis radical e máis cidadá"

Pontevedra
15 de setembro 2016

Os novos tempos que quere abrir En Marea en Galicia pasan por un goberno presidido polo seu candidato á presidencia da Xunta, Luís Villares, que aborde un programa de rexeneración democrática en profundidade "que elimine o clientelismo e a corrupción das institucións".

Mesa sobre radicalidade democrática organizada por En Marea

Así o destacaron os candidatos Marcos Cal e Xoán Hermida, números 2 e 6 da candidatura por Pontevedra; e a senadora Vanessa Angustia durante a mesa redonda sobre radicalidade democrática celebrada este xoves na praza de Méndez Núñez.

O hipotético goberno de En Marea terá, explicou Hermida, unha dobre axenda: por unha banda abordará toda unha serie de reformas encamiñadas a unhas prácticas de bo goberno e de transparencia; e por outra introducirá cambios encamiñados a un democracia "máis radical e máis cidadá".

Marcos Cal apuntou que é preciso "autoesixirnos internamente o que pretendemos levar á Xunta de Galicia" e neste sentido avanzou que esta formación política quere que a cidadanía "sexa quen de decidir sobre as políticas que lle afecten ás súas vidas e ao seu futuro".

Pola súa banda, a senadora Vanessa Angustia aproveitou para sinalar a importancia dunha cidadanía activa, porque destacou que a soberanía cultural "é imprescindible para activar a nosa sociedade".

Afirmou que os galegos "temos talento cultural, científico, investigador e innovador que non teñen oportunidades no noso país e están obrigados a buscalas fóra", polo que instou a poñer os medios para "deixar de exportar talento e comezar a captalo".

Arquivado en