Este luns En Marea Pontevedra estivo fronte o Hospital Provincial para falar "da realidade das persoas dependentes e das persoas que as coidan". No acto participaron as candidatas Julia Torregrosa e Marcos Cal acompañados pola deputada Ángela Rodríguez, a vicecoordinadora de Marea Pontevedra, Herminia Dios e o activista pro mobilidade, Cesar Maquieira.
No acto expuxeron que nos últimos sete anos de goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia "a situación non fixo máis que empeorar". "A unha sociedade cunha pirámide poboacional invertida engadiuse a diminución de axudas desde o sector público, tanto as de índole económico como as de servizos prestados directamente pola administración".
Precisamente da falta de apoio institucional de todo tipo ante a dependencia falou Herminia Dios: "Non se trata de axudar ás persoas dependentes, trátase de garantir a dignidade e a calidade de vida das persoas. A falta de apoios a este sector da sociedade tradúcese na negación dos seus propios dereitos e dos das persoas que as coidan".
Pola súa banda Cesar Maquieira manifestou o seu malestar ante o "esquecemento institucional" desta problemática: "A situación dos dependentes atópase moi lonxe daqueles obxectivos planificados e postos en marcha pola normativa estatal do 2007, que lembremos que o señor Rajoy dixo que non era viable. Como non vai dicir iso se seu pai foi coidado ás 24 horas por dúas persoas por un valor de 5.000 euros mensuais a cargo dos orzamentos de Moncloa".
A candidata Julia Torregrosa aproveitou a súa intervención para falar do caso denunciado por Manuel Gómez, quen contou ante os medios a súa dificultade para ser evaluado por un médico: "Dende o 21 de xuño, data da primeira cita, prodúcense 4 aprazamentos. Tivo que ser no último destes e tras entrar na consulta, sen cita e manifestando a miña indignación e o propósito de non moverme de alí ata ser atendido, cando conseguín que me atenderan".
Os asistentes tamén tiveron a ocasión de escoitar a Ángela Rodríguez e Marcos Cal. Ambos contaron que, como a maioría das galegas, viviron bastante preto o que supón nunha familia ter un persoa dependente. A primeira denunciou que na maioría dos casos son as mulleres quenes sufren en silencio as consecuencias desta situación, o segundo aproveitou para matizar que como todas as tarefas, tanto laborais coma domésticas, os homes teñen que dar un paso adiante.
O acto rematou pedindo o voto para En Marea: "Precisamos de todos os apoios posibles para garantir os nosos dereitos e os da nosa xente. O 25S precisamos encher as urnas de votos de En Marea para garantir a nosa dignidade"