E a Xunta rectificou e ampliará Montecelo despois de perder sete anos

Pontevedra
31 de decembro 2017

Sete anos, ese é o tempo que perdeu a sanidade pontevedresa ata que a Xunta decidiu rectificar e recuperar o plan de ampliación de Montecelo dando carpetazo definitivo ao errado proxecto dun novo hospital con financiamento público-privado en Marcón

Firma do convenio entre o Sergas e o Concello para a construción do Gran Montecelo
Firma do convenio entre o Sergas e o Concello para a construción do Gran Montecelo / Mónica Patxot

Sete anos, ese é o tempo que perdeu a sanidade pontevedresa ata que a Xunta decidiu rectificar e recuperar o plan de ampliación de Montecelo dando carpetazo definitivo ao errado proxecto dun novo hospital con financiamento público-privado en Marcón.

Seis meses despois de chegar ao cargo, o conselleiro Vázquez Almuiña alegou que a "falta de consenso" sobre a proposta de Monte Carrasco presentada en 2009 obrigaba a retomar a ampliación das actuais instalacións.

Monte Carrasco quedou nunha maqueta, pero para o bautizado como "Gran Montecelo" tampouco hai moito máis que iso. Non hai aínda calendario nin orzamento.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo sinala o final da obra co do seu terceiro mandato no "horizonte do ano 20" e estima que se investirán uns 130 millóns de euros para construír un novo edificio a tres alturas na parte este do complexo e que estará conectado co resto do actual hospital.

A ampliación pasa por ser unha revisión do proxecto que formulou no seu día o bipartito do PSOE e o BNG na Xunta pero que o PP anulou ao recuperar o goberno galego tras cualificalo como un "parche" que non resolvería as carencias da sanidade local.

Nunhas semanas o Sergas comezará a elaboración do plan funcional, o documento marco onde se concretarán os servizos previstos no novo hospital, co número de camas e outros aspectos sanitarios básicos.

Tamén haberá que concretar o futuro do Hospital Provincial para o que Feijóo adiantou un "uso sociosanitario".