A Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon está xa a volta da esquina
Para coñecer os detalles das probas deportivas, o infógrafo pontevedrés Xan Sabarís realizou as infografías onde se reflicten os principais datos das carreiras, horarios e por suposto os percorridos tanto pola contorna da Boa Vila como o seu centro histórico.
Tamén están incluídas as altimetrías cunha linguaxe gráfica fácil de ler e con información de servizo para os afeccionados que queiran presenciar as competicións a pé de rúa.
As carreiras elite e sub-23 serán as estrelas do cartel, con inicio o 23 de setembro coas probas masculinas para menores de 23 anos (14.20 horas) e a elite (17.20 horas), estando fixadas as carreiras femininas para o domingo 24 de setembro ás 14.00 e 16.45 horas respectivamente
A carreira comezará cun percorrido de 1.500 metros de natación que consta de 2 voltas entre a ponte dos Tirantes e a pasarela peonil, onde se atopa a zona de transición para continuar cos 40 quilómetros dunha proba ciclista que terá un circuíto de oito voltas. Os triatletas dirixiranse polo Pazo da Cultura á Avenida de Compostela para saír da cidade, regresando cara ao Pavillón Municipal dos Deportes virando pola Avenida Domingo Fontán e chegando ata a ponte das Correntes, momento no que cruzarán o río para iniciar o retorno ao CGTD en liña recta por Avenida de Uruguai e Bos Aires.
Unha vez finalizado o percorrido, chairo na súa maioría cunha pequena subida de dureza media-baixa e unha pequena baixada, os deportistas sairán pola Avenida de Bos Aires, Serra, Don Gonzalo, Curros Enríquez, Michelena, Peregrina, Ferrería, A Leña, Sarmiento, Cruz Vermella e chegada á meta no CGTD. Serán 4 voltas para os 10 quilómetros de percorrido de dureza media-baixa polo centro histórico da cidade.
O tramo a nado e a pé dos Grupos de Idade será o mesmo que para os elite e sub-23, tendo os cambios máis rechamantes no tramo ciclista. Neste sentido, unha vez alcanzada a zona de transición situada no Estadio do CGTD, os triatletas dirixiranse polo Pazo da Cultura cara á Avenida Compostela, chegando pola Nacional 550 ata máis ou menos o límite co concello de Barro. Darán dúas voltas para facer os 39,5 quilómetros dun percorrido na súa maioría pouco técnico, pero coa terceira parte de cada volta en subida de dureza media-alta e unha terceira en baixada rápida.
No caso do Aquabike, o percorrido será o mesmo pero suprimindo a carreira a pé.
Pola súa banda, os triatletas que compitan en Paratriatlón Sprint deberán completar un tramo de natación de 750 metros entre a Ponte dos Tirantes e a pasarela peonil, desde onde sairán directamente á zona de transición para subir á bici.
Dirixiranse polo Pazo da Cultura á Avenida de Compostela, chegando preto da glorieta de Lérez e regresando á transición tras dar 4 voltas para facer case 20 quilómetros. Percorrido pouco técnico, chairo na súa maioría cunha subida de dureza media-baixa e unha zona de baixada.
A carreira a pé transcorrerá por Tafisa, Bos Aires ata Cobián Roffignac, Cruz Vermella e CGTD, con tres voltas para completar os 5 quilómetros de percorrido.
No caso das Remudas Mixtas Paratriatlón Open Race, a carreira comeza cun percorrido de 125 metros de natación preto da Ponte dos Tirantes. Sairán á zona de transición para dirixirse polo Pazo da Cultura á Avenida de Compostela, chegando ao final do campus e regresando á transición tras dar 1 volta para completar os 3,5 quilómetros e iniciar a carreira a pé. Esta última irá por Bos Aires, a zona da antiga Tafisa e entrada no CGTD tras percorrer os 780 metros as tres primeiras remudas e 910 o cuarto. O percorrido é totalmente chairo.
Por último, o Super Sprint dos Grupos de Idade, terá un percorrido a nado de 300 metros e seguirá co tramo ciclista polo interior do Campus, de onde sae para chegar case ao final da Avenida de Compostela.
No interior do CGTD deixarán as bicicletas tras 6,4 quilómetros dun percorrido pouco técnico con varios xiros, chairo na súa maioría cunha zona de subida de dureza media-baixa e unha zona de baixada. Despois comeza a sección a pé, de só 1,6 quilómetros, dentro do propio estadio e os seus arredores.
Os percorridos completos dos diferentes eventos que compoñerán a Gran Final das Series Mundiais de Tríatlon poden consultarse na galería de imaxes adxunta.