O deporte e a natureza deben ser pezas fundamentais no desenvolvemento económico de Galicia vinculado ao turismo sostible. Así o defendeu este mércores o candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro.
Así, o candidato socialista comprometeuse a impulsar políticas que potencien esta combinación de deporte e natureza na promoción dun novo modelo turístico que favoreza a creación de emprego de calidade e a fixación de poboación ao territorio.
"Apoiaremos o turismo responsable e a economía azul, un modelo que pon no centro o respecto ao medio ambiente e estende a chegada de visitantes ao longo de todo o ano", sinalou Gómez Besteiro, durante un encontro que mantivo con surfeiros.
Os socialistas queren apostar por un modelo que aproveite os recursos da zona e recorra ao deporte de natureza para revitalizar zonas rurais, "abordando o reto demográfico cun turismo desestacionalizado e respectuoso co medio ambiente".
O deporte "é un aliado clave" para o desenvolvemento de Galicia, engadiu o candidato do PSdeG-PSOE, un beneficio que se suma "á súa contribución á saúde, á igualdade real entre homes e mulleres, á educación ou á inclusión social e á loita contra o cambio climático".
A este respecto, Besteiro destacou que os socialistas traballarán para seguir avanzando en proxectos que promovan e poñan en valor a actividade deportiva, así como para crear novos espazos de formación en deporte e outras infraestruturas deportivas de uso turístico.