Dende o milfollas ata a red velvet, a maxia das tortas vívese en Confitería Capri

Pontevedra
09 de agosto 2024
Actualizado: 24 de outubro

Dende 1963, a Confitería Capri é un referente na arte da repostería na súa tenda-obradoiro da rúa García Camba 9, de Pontevedra

Menchu Collado, xerente de Confitería Capri, mostra unha das especialidades da casa: a torta de amorodo e nata
Menchu Collado, xerente de Confitería Capri, mostra unha das especialidades da casa: a torta de amorodo e nata / Mónica Patxot

Dende 1963, Confitería Capri é un referente na arte da repostería dende a súa tenda-obradoiro da rúa García Camba, 9, de Pontevedra. A súa actual xerente, Menchu Collado, levou esta tradición a novas alturas dende que asumiu o mando en 2015, aínda que a súa historia coa confeitería comeza moito antes.

"Entrei a traballar en outubro de 1980 con María Luisa Fortes e ela deume a oportunidade de quedar coa empresa, e ademais tiven a sorte de que todos os compañeiros continuaron comigo", afirma Menchu Collado.

Menchu Collado saca da neveira de semifríos unha torta red velvet
Menchu Collado saca da neveira de semifríos unha torta red velvetMónica Patxot

Dende os seus inicios, Menchu soubo infundir un aire renovado á tradicional confeitería, combinando a mestría artesanal coa innovación. "A fidelidade da nosa clientela é, sen dúbida, o maior agradecemento que podemos recibir", asegura.

Aínda que as receitas clásicas, como a famosa torta rusa, o inigualable milfollas, os exquisitos vasos de chantillí ou a emblemática torta de amorodos son o corazón da proposta de Confitería Capri dende xeracións, cada día "esforzámonos por sorprender os nosos clientes con creacións innovadoras".

Torta mascota e torta red velvet
Torta mascota e torta red velvetMónica Patxot

Na neveira dos semifríos apréciase a constante innovación que Menchu e o seu equipo achegan ao negocio, grazas ás espectaculares tortas e postrería para eventos, que xa se converteron en selo da casa.

A red velvet é unha das tortas semifrías que se gañou o corazón e o padal dos pontevedreses, coa súa textura de biscoito suave de cacao rubí, o seu sabor afroitado e a súa delicada crema de queixo mascarpone.

No escaparate de Confitería Capri o milfollas é un clásico
No escaparate de Confitería Capri o milfollas é un clásicoMónica Patxot

E é que o repertorio de semifríos é tan variado que todos poden atopar aquí o seu sabor favorito. Entre outras tortas, a carrot cake, un capricho irresistible de cenoria; a cheese cake, un clásico de queixo; a orixinal chupachup Kojak, de cereixa con glasado que emula o sabor do chupachup de sempre e que, non só sorprende á clientela das xeracións familiarizadas con este doce, senon que gusta a todas as idades; ou tamén a torta tres chocolates, cunha sutil fusión de sabores.

Ademais, para adaptarse aos tempos, ofrecen tortas en formato individual ou para dúas persoas. "As familias xa non son tan extensas ou é difícil que se xunten todos os seus membros polo ritmo de vida que levamos, así que esta opción, en pequeno formato, é moi valorada pola clientela". Estas tortas semifrías pódense manter no conxelador para gozalas pouco a pouco.

Torta da avoa
Torta da avoaMónica Patxot

E que dicir dos vasiños semifríos? Con opcións como mango-maracuxá e iogur-framboesa, os chamados "chupiños" son o capricho perfecto para unha sobremesa individual.

Fóra desta gama, cunha refrixeración menor, Confitería Capri preparou unha singular torta da avoa que é unha homenaxe aos doces feitos na casa, co valor engadido de que as cremas teñen o toque mestre da súa elaboración artesá no obradoiro. "Presentámola nun cómodo taper, pos a tapiña, gárdala na neveira e pódela comer en tres ou catro días sen problema ningún", comenta Menchu, quen asegura que tamén esta orixinal presentación é unha das razóns da grande aceptación que está a ter esta torta da avoa.

Torta de trufa e chocolate, e torta da avoa
Torta de trufa e chocolate, e torta da avoaMónica Patxot

Igualmente, a torta trufa-chocolate, con biscoito, capa de trufa e baño de chocolate con sabor a Phoskito, e a torta de améndoa fileteada con dúas bases de biscoito e crema de manteiga, coñecida cariñosamente como "a mascota", son dúas opcións que rapidamente se están convertendo en favoritas entre grandes e pequenos.

O compromiso coa calidade en Confitería Capri significa que cada día reponse o produto, garantindo unha frescura e sabor que só unha elaboración artesá no propio obradoiro, con ingredientes 100% naturais, pode asegurar. "Por sorte, ao mediodía xa non queda case nada", apunta cun sorriso Menchu.

Cunha nova modalidade de horarios dende a pandemia, que prioriza a conciliación familiar, a confeitería abre de 9:00 a 14:30 todos os días e, en épocas especiais, como decembro e Semana Santa, amplían horario para satisfacer a demanda de doces.

Confitería Capri, en García Camba, 9 (Pontevedra)
Confitería Capri, en García Camba, 9 (Pontevedra)Mónica Patxot

Este ano, excepcionalmente, Confitería Capri ten que pechar o domingo 11 de agosto porque teñen un evento familiar inaprazable. Menchu Collado avanza que o venres 9 e o sábado 10 abren en horario habitual, para que as persoas poidan recoller o encargo do domingo sen problema. A toda a clientela xa se lle foi informando desta circunstancia e a resposta foi moi positiva.

Dende hai seis décadas, Confitería Capri é parte da vida dos pontevedreses. Xa sexa para unha celebración, un agasallo ou simplemente un momento de goce, nas súas vitrinas sempre hai unha torta, un semifrío ou un doce elaborado artesanalmente con amor e dedicación.