Para os nacionalistas, un goberno liderado por Ana Pontón é a "mellor garantía" para os dereitos LGBTI+ e para que todas as persoas "vivan sen medo a ser quen son".
Nun encontro celebrado en La Hormiga, no Campiño de Santa María, representantes do BNG e do colectivo Avante LGBT coincidiron na "necesidade imperiosa" dun cambio que permita superar a "parálise e falta de ideas" do actual goberno galego encabezado por Rueda.
"Comprometémonos a avanzar cara esa sociedade mellor, cara esa sociedade igualitaria que hoxe volveron pór diante nosa as persoas representantes do colectivo", destacou a candidata Marta Gómez, comezando cunha nova lei que garanta os dereitos das persoas LGBTI.
Ademais, o BNG promete impulsar un plan de educación afectivo sexual que garanta o dereito a unha educación integral neste ámbito en todas as etapas formativas e contar con especialistas no ensino e na sanidade pública para que este plan non sexa "papel mollado".
Anabel Gulías, concelleira de Benestar Social en Pontevedra, sinalou que "con toda a humildade, en Pontevedra sentimos orgullo da nosa colaboración cos colectivos LGBTI e do nivel de respecto polos demais da inmensísima maioría da nosa veciñanza".
"Ter do noso lado un goberno galego que traballe na mesma liña, pode levarnos a dar un salto de calidade tamén neste eido", sentenciou.