De camiño cara ao 18F, as eleccións que marcarán o futuro de Galicia

Pontevedra
02 de febreiro 2024

Comeza a conta atrás. En pouco máis de dúas semanas saberemos quen se poñerá á fronte do goberno galego ata 2028. Arranca a campaña electoral para unhas eleccións, as do próximo 18 de febreiro que, segundo todos os prognósticos, serán as máis disputadas dos últimos anos

Pegada virtual de carteis do PP para as eleccións do 18F
Pegada virtual de carteis do PP para as eleccións do 18F / Mónica Patxot

Comeza a conta atrás. En pouco máis de dúas semanas saberemos quen se poñerá á fronte do goberno galego ata 2028. Arranca a campaña electoral para unhas eleccións, as do próximo 18 de febreiro que, segundo todos os prognósticos, serán as máis disputadas dos últimos anos.

Horas antes da tradicional pegada de carteis, que en Pontevedra faise na Praza de España, fronte á antiga casa do concello, os partidos avanzaron as súas principais liñas de actuación para estes quince días nos que poden apelar ao voto da cidadanía.

Desde o Partido Popular foi a súa número 3 por Pontevedra, María Martínez Allegue, a que deu o pistoletazo de saída a unha campaña que, segundo apuntou, será "ilusionante e emocionante". Percorrerán toda a provincia para que Alfonso Rueda logre a súa primeira maioría absoluta

"É un home honesto, traballador e que se levanta todos os días pensando nos galegos e nas galegas", destacou Martínez Allegue, que se mostrou convencida de que os galegos "porán en valor" o labor que Rueda desempeñou á fronte do goberno galego.

Sostivo que espera que os cidadáns renoven a súa confianza no PP porque "demostramos unidade fronte á desestabilización doutros gobernos, honestidade fronte ás mentiras e bulos e porque soubemos xestionar como demostran os datos".

Tras desexar que esta sexa unha campaña "tranquila e non mentireira", a candidata popular recoñecu que as catro maiorías absolutas de Núñez Feijóo supoñen unha "presión engadida", pero mostrouse segura de que "dándoo todo" seguirán gobernando en Galicia.

"Agora!", pola súa banda, é o lema elixido polo BNG para esta campaña. O seu candidato por Pontevedra, Luis Bará, acompañado entre outros polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que "se percibe no ambiente moita ilusión e apoio" ao seu partido.

Bará mantivo que "hai un ambiente extraordinario, como nunca" ao redor da figura de Ana Pontón, unha muller da que destacou a súa capacidade de "magnetismo e atracción" e á que ve capaz de mobilizar o voto "de todo tipo de xente".

"Non hai nada feito. A campaña será decisiva", advertiu o candidato nacionalista, que promete unha campaña baseada en propostas "e falando dos temas que interesan a Galicia", para propiciar "non só un cambio de goberno senón un cambio de época".

Ademais de tentar mobilizar ao electorado, Luis Bará apelou a concentrar no BNG "todo o voto do cambio". Se é así, defendeu, "o cambio estará asegurado", polo que pediu que "non se perdan os votos porque se se dispersan favorece ao PP".

"Moi ilusionados" aseguran estar tamén no PSdeG-PSOE. Así o subliñou a súa candidata por Pontevedra, Paloma Castro, terceira na lista provincial, que asegura que "temos unha oportunidade real de rematar por fin co goberno do PP".

Esta última década en Galicia, segundo Castro, caracterizouse polo "amiguismo" e por un goberno "que non mira para os seus". Ante isto, mostrouse esperanzada de que poida haber un presidente que apostará "pola transparencia e o diálogo".

José Ramón GómezBesteiro, defendeu a candidata socialista, "beneficiará a todos os galegos e galegas", mantendo unha boa relación co Goberno central "en vez de confrontar con el", para poder conseguir "o mellor para Galicia".

"Quedan dezaoito días nos que imos a traballar arreo para conseguir presidir a Xunta. Temos moitas ganas, moita ilusión e desta estamos convencidos de que vai", sentenciou.

Arquivado en