De 2008 a 2023, quince anos de grandes eventos de tríatlon na Boa Vila

Pontevedra
14 de setembro 2023

A aposta de Pontevedra polos grandes eventos de tríatlon vén de lonxe, concretamente desde que en 2008 acolleu a súa primeira Copa de Europa. Desde entón as súas rúas teñen acollido un Campionato de Europa Absoluto, un Mundial de Dúatlon, os Campionatos do Mundo Multideporte e unha Copa do Mundo, ademais de multitude de probas de ámbito nacional e galego, deixando momentos inesquecibles

Primeira Copa de Europa de tríatlon organizada en Pontevedra no ano 2008
Primeira Copa de Europa de tríatlon organizada en Pontevedra no ano 2008 /

Londres, Budapest, Beijing, Auckland, Chicago, Gold Coast, Lausanne, Edmonton, Abu Dhabi e Pontevedra. É a lista de cidades polas que pasou a maior competición do tríatlon internaconal en modalidade olímpica, quitando os Xogos, e nela cóase a Boa Vila á altura de grandes cidades e capitais de catro continentes.

Faino grazas ao esforzo e a aposta decidida de moitos anos por un deporte como o tríatlon, e polos grandes eventos vinculados a el. Máis alla de multitude de campionatos nacionais e galegos, todo empezou no ano 2008 coa primeira Copa de Europa Premium concedida á cidade.

Nunha chuviosa e freca xornada do mes de abril, as rúas da cidade gozaron por primeira vez dos triatletas de alto nivel e dun Javier Gómez Noya que xa empezaba a dominar o circuíto mundial. Noya gañou aquela proba, e fíxoo vestido coas cores de Galicia e cos pontevedreses envorcados en apoialo.

A Copa de Europa repetiría dous anos seguidos máis en Pontevedra, primeiro en maio e despois xa en xuño buscando unhas mellores condicións climatolóxicas, e sempre co seu veciño Javi Gómez Noya no podio. Foi segundo en 2009 tras o ruso Dmitry Polyansky e gañou de novo en 2010.

Un ano despois, en 2011, produciuse o primeiro salto de nivel. Chegaba a Pontevedra o Campionato de Europa Absoluto, deixando outra imaxe para o recordo. Todas as miradas dirixíanse unha vez máis cara a Noya, pero as sucias manobras do británico Harry Wiltshire na natación, con caladas, golpes e bloqueo mesmo ao saír da auga, provocaron nos galego problemas físicos deixándolle na 40ª posición. Gañaría outro gran nome do tríatlon mundial, o tamén británico Alistair Brownlee. Aquela carreira copou despois titulares deportivos, e é que Wiltshire sería suspendido seis meses polo seu mal comportamento.

Tres anos máis tardou en volver un evento internacional, pero fíxoo con outro reto, un Campionato do Mundo na especialidade de dúatlon. Foi en 2014 con algo menos de 1.500 deportistas de 30 países. Era a primeira vez que todo o Mundo miraba cara á Boa Vila, pero non sería a última.

Os retos organizativos eran cada vez máis esixentes, e así se chegou aos Campionatos do Mundo Multideporte, evento que marcou un antes e un despois.Preto de 4.000 deportistas de 54 países competiron nos mundiais de dúatlon, acuatlón, aquabike, tríatlon cros e tríatlon de longa distancia, coa guinda que supuxo a medalla de ouro de Gómez Noya e a de prata de Pablo Dapena na carreira de longa distancia, con Pontevedra abarrotada e explotando de xúbilo.

Organizados con éxito os mundiais Multideporte, aos que a Federación Internacional deu "matrícula de honra", só había un desafío maior, conseguir organizar a Gran Final das Series Mundiais, unha proba que nunca recalara en España a pesar da súa tradición e éxitos no tríatlon. Pontevedra presentouse e logrou un respaldo unánime a nivel internacional, abrindo a porta novamente para outras cidades, e é que Málaga tomará a testemuña en 2024. Ademais a elección supuxo a organización dunha cita da Copa do Mundo en 2022.

Todo iso sen esquecer que en 2025 os Campionatos do Mundo Multideporte volverán a Pontevedra, pero esa xa será outra historia.