Se o PP non logra a maioría absoluta o próximo 25-S, Galicia corre o risco que quedar "en manos de quienes traen la inestabilidad". Así o destacou a secretaria xeral do Partido Popular, María Dolores de Cospedal, que desembarcou na campaña electoral galega cun acto con mulleres que tivo lugar nun hotel de Caldas de Reis.
Fronte a un posible pacto entre as forzas de esquerda se os populares non logran revalidar a súa maioría, Cospedal reiterou que a "mejor defensa" para que as familias galegas reciban o "mejor cuidado" é apostar por quen achega "seguridad y confianza" e ese alguén, dixo, é Alberto Núñez Feijóo con quen Galicia "ha vuelto al crecimiento y a la estabilidad".
"Necesitamos un gobierno para que la rebaja de los impuestos de la Xunta se mantenga y eso solo se consigue con una mayoría absoluta del Partido Popular", destacou a dirixente do PP, que instou aos galegos para votar a Feijóo para que despois do 25-S "no tengamos que arrepentirnos".
Cospedal estivo acompañada polo presidente provincial do PP, Alfonso Rueda, que na súa intervención afirmou que a igualdade é algo que debe preocupar "a los hombres los primeros" e comprometeuse a que o goberno galego incentivará medidas en materia de conciliación laboral e familiar porque "aún tenemos mucho que mejorar".
Ademais, Rueda cualificou a violencia machista como unha secuela "intolerable" que a sociedade "no puede soportar" e, neste sentido, instou ás vítimas a que denuncien a súa situación porque "siempre hay una salida y nadie tiene que aguantar algo así" e a administración conta con mecanismos para axudalas.
EN PONTEVEDRA, CON TAXISTAS
Tras este acto, o Partido Popular reuniu en Pontevedra a representantes dos profesionais do taxi de toda a provincia nun encontro que tiña como obxectivo escoitar de primeira man cales son as principais necesidades e prioridades dun sector de gran incidencia na provincia.
O presidente provincial puxo en valor que foi nesta lexislatura e cun goberno do PP co que se aprobou por primeira vez na historia de Galicia unha Lei do Taxi, elaborada desde o consenso e desde o diálogo social, e grazas a ela hoxe os profesionais do taxi contan con "importantes melloras e garantías".
Alfonso Rueda apuntou que esta lei complementouse con outras iniciativas directas e dirixidas tamén para este sector, como axudas para a adquisición de vehículos adaptados, o que garante a universalidade, accesibilidade e calidade na prestación do servizo.
Ademais, recordou que este mesmo ano iniciouse a tramitación do regulamento do taxi, que se materializará a través de un decreto que concreta as condicións legais para o exercicio desta actividade en Galicia, que ocupa a máis de 3.500 taxistas, na súa maior parte autónomos e cun único vehículo.