Este xoves 8 de febreiro termina o prazo oficial para solicitar votar por correo nas próximas eleccións autonómicas do día 18.
A partir de agora os solicitantes terán de prazo ata o vindeiro xoves 15 para depositar o seu voto nas oficinas de Correos, un trámite que podía verse dificultado polos habituais días festivos escollidos polos concellos durante o entroido.
No caso de Pontevedra, o Mércores de Cinza, día 14 de febreiro, será unha xornada festiva a nivel local, pero as oficinas de Correos abrirán igualmente.
Segundo confirmou o servizo postal, as tres oficinas da cidade (Rúa Oliva, Rúa Espincelo e Avenida de Lugo) abrirán as súas portas o mércores festivo para facilitar as xestións do voto por correo.
O horario extraordinario de atención ao público nestas oficinas durante o Mércores de Cinza será de 9.00 a 13.00 horas.