En tan só unha semana empezarán en Pontevedra os mundiais de tríatlon, o ITU Multisport Festival, que se celebrará entre o 27 de abril e o 4 de maio. En plena conta atrás, empezan a darse a coñecer polo miúdo os distintos plans de seguridade e tráfico deseñados para garantir o correcto discorrer do importante evento deportivo.
Así, a celebración deste campionato levará implícitas importantes restricións de tráfico, non só na cidade, senón tamén na zona norte do municipio, especialmente nas estradas N-550 e PO-224 (en Verducido e Xeve).
As restricións serán o sábado 27, o domingo 28, o martes 30 de abril; o xoves 2 de maio; e o sábado 4 de maio. As probas que máis afectarán ao tráfico serán as realizadas os sábados 27 de abril e 4 de maio, co fin de minimizar os efectos que tería nun día de semana unha competición destas características.
O sábado 27 de abril están previstas as probas de Dúatlon en horario de mañá e tarde e, con tal motivo, a N-550 permanecerá pechada ao tráfico entre as 7.00 e as 10.45 horas dende avenida Compostela ata o lugar de Briadorio, no veciño municipio de Barro. Pola tarde, entre as 15.00 e as 20.00 horas, volverase pechar no mesmo tramo e tamén nun máis amplo, Verducido-Xeve, dende Pontillón de Castro ata Bordel (PO-224).
No centro da cidade, as rúas afectadas estarán pechadas ao tráfico entre as 08.00 e as 21.30 horas. Na xornada de mañá (entre as 8.00 e as 15.30 horas) estarán pechadas Pai Fernando Olmedo, Pai Gaite, Cruz Vermella, Salustiano Portela Paz, avenida de Bos Aires, Serra, Arcos San Bartolomé, Pai Illa, Gregorio Fernández, Sarmiento, Pasantería, Praza Ferrería, Soportais, Curros Enríquez, Ánimas, Don Gonzalo, Serra e avenida de Bos Aires con meta no Estadio da Xuventude.
Na xornada de tarde (entre as 15.30 e as 21.30 horas) o percorrido será Pai Fernando Olmedo, Pai Gaite, Salustiano Portela Paz, avenida de Bos Aires, Serra, Arcos San Bartolomé, Rúa Pedreira, Praza Pedreira, Don Gonzalo, Sarmiento, Pasantería, Praza Ferrería, Praza Peregrina, Soportais, Curros Enríquez, Real, Sarmiento, San Xulián, Serra e avenida de Bos Aires e con meta no Estadio da Xuventude.
O sábado 4 de maio será a quenda das probas de Tríatlon tamén de mañá e tarde. Estarán pechadas as estradas N-550 (dende Médico Ballina ata Briadorio, en Barro) e PO-224 (dende Pontillón de Castro até Bordel) entre as 07.00 horas e as 16.30 horas.
No centro da cidade, as rúas afectadas estarán pechadas ao tráfico entre as 08.00 e as 20.00 horas, afectando a Pai Fernando Olmedo, Pai Gaite, Salustiano Portela Paz, avenida de Bos Aires, Serra, Arcos San Bartolomé, Rúa Pedreira, Praza Pedreira, Don Gonzalo, Sarmiento, Pasantería, Praza Ferrería, Praza Peregrina, Soportais, Curros Enríquez, Real, Sarmiento, San Xulián, Serra e avenida de Bos Aires con meta no Estadio da Xuventude.
Tanto o sábado 27 de abril como o 4 de maio, queda totalmente prohibida a carga e descarga de mercadorías. Ambos os dous días, na estrada N-550 habilitarase, en varios puntos, carrís de circulación co fin de que os veciños da zona teñan a maior mobilidade posible, aínda que, algúns, pola dificultade de habilitar estes carrís, terán que deixar os seus vehículos estacionados en lugares próximos que lles permitirá acceder a distintas vías de conexión coa cidade ou outros destinos.
O mercado de abastos estará aberto os dous sábados, permitíndose tanto a mobilidade a pé como en vehículo a motor (o aparcadoiro da zona monumental tamén estará operativo).
O domingo 28 de abril será o momento das probas de Dúatlon Junior e Paratríatlon entre as 09.00 e as 13.00 horas. Ao celebrarse o día das eleccións xerais, as probas realízanse no ámbito do río Lérez (avenida Bos Aires), polo que non afectará á circulación agás aos veciños de Rúa Pozo e Roxa.
O martes 30 de abril está programado o Tríatlon Cros, que afectará á zona do río na fase de natación; á avenida de Bos Aires (entre Ponte dos Tirantes e Ponte das Palabras) na carreira a pé; e á proba de bicicleta que afectará especialmente á zona de Lérez–Verducido. O paso da Illa do Cobo cara o Pontillón de Castro obriga ao peche da estrada PO-213 á altura do cruzamento do lugar do Outeiro, na parroquia de Lérez.
O corte da PO-213, entre as 12.30 e 19.30 obrigará aos veciños e usuarios da vía (A Piolla, O Couso, Gatomorto, Verducido, O Outeiriño, Santa María de Xeve e San Andrés de Xeve) a utilizar, como entrada e saída, a estrada dirección Bora (PO-224). Os veciños de O Castelo, A Piolla, Casal Novo, O Arco, terán acceso libre cara á cidade de Pontevedra.
O xoves 2 de maio celebrarase o Acuatlon (carreira a pé e natación), entre as 15 horas e as 18 horas. Estas probas non afectan á mobilidade da cidade, celébranse na zona río Lérez e na Avenida de Bos Aires, entre Ponte dos Tirantes e Ponte das Palabras.