Con voz de muller trae a Pontevedra a Guadi Galego, De Vacas, Sheila Patricia e Malvela

Pontevedra
08 de xullo 2024

Catro concertos e un espectáculo de humor. Esa será a oferta dunha nova edición do ciclo Con voz de muller, que volverá traer ás Festas de Verán de Pontevedra a grandes voces femininas. Será durante cinco días, entre o 31 de xullo e o 4 de agosto

Guadi Galego, De Vacas e Sheila Patricia
Guadi Galego, De Vacas e Sheila Patricia / PontevedraViva

Catro concertos e un espectáculo de humor. Esa será a oferta dunha nova edición do ciclo Con voz de muller, que volverá traer ás Festas de Verán de Pontevedra a grandes voces femininas. Será durante cinco días, entre o 31 de xullo e o 4 de agosto.

Guadi Galego será a artista que abra esta nova edición de Con voz de muller. Será co concerto que ofrecerá o mércores 31 de xullo.

A artista de Cedeira, que xa estivo en Pontevedra o pasado mes de abril co seu espectáculo Síntese Horizonte, regresará á cidade do Lérez para repasar os grandes éxitos dunha carreira que, ademais dos seus traballos con Berrogüetto, inclúe xa seis discos en solitario.

Ao día seguinte, o xoves 1 de agosto, subirá ao escenario o grupo De Vacas, que chegan a Pontevedra co espectáculo Rebovina Divas Live, no que desempoan os seus mellores galas.

É unha homenaxe ás divas do pop como Whitney Houston, Celine Dion ou Beyoncé, mulleres que nos acompañaron coas súas cancións en tantos momentos da nosa vida.

O venres 2, pola súa banda, a música deixará paso ao humor. Será cunha noite de monológos que, baixo o título Sen restricións, ofrecerán Ledicia Sola, Carmen Méndez e Marta Doviro.

Sheila Patricia retomará os concertos ao día seguinte, o sábado 3.

Filla de unha galega e dun arxentino/asturiano, nas súas cancións percíbese toda esta mestura, con trazos característicos do folclore de ambos os lugares, sempre arroupada polas cordas dunha guitarra, un instrumento que unifica os dous continentes. 

E, por último, o domingo 4, o ciclo chegará ao seu fin co concerto de Malvela.

Será unha xornada musical chea de tradición, folk e canto galego cunha das bandas máis emblemáticas da música tradicional galega.

As cantareiras de Mos, integradas por mulleres de diferentes xeracións,  despregarán sobre o escenario a súa habitual atmosfera festiva, pisando con forza e convicción o escenario.

Todos os concertos, que serán na Praza da Ferrería, comezarán ás 22:30 horas.

Cada unha das actuacións do ciclo Con voz de muller irá acompañada dun pasacalles que percorrerá os principais espazos públicos de Pontevedra desde as oito e media da tarde.

Estarán protagonizados por Troula (mércores 31), a charanga Brassica Rapa (xoves 1), o grupo Celme (venres 2), o grupo de percusión Somdolilá (sábado 3) e a charanga Bicoia (domingo 4).