Compromiso por Galicia critica a mala calidade da internet no extrarradio da cidade

Pontevedra
22 de maio 2015

A candidata Pilar Dopazo sinala que varias redes wifi e wi-max foron implantados coa correspondente construción de antenas no rural e un custo moi elevado que pode roldar o medio millón de euros

Pilar Dopazo, candidata de Compromiso por Galicia
Pilar Dopazo, candidata de Compromiso por Galicia / Daniel Santomé

Compromiso por Galicia critica a mala calidade de internet no extrarradio da cidade e no rural. Por ese motivo, a candidata á alcaldía de Pontevedra, Pilar Dopazo, aposta por crear unha rede de fibra óptica municipal.

As entidades locais desempeñan un papel fundamental, segundo Dopazo, no proceso de achegamento á sociedade da información, ao tratarse de organismos máis próximas aos cidadáns e axentes produtivos locais.

Compromiso por Galicia aposta por poñer en marcha medidas que promovan a actividade económica e empresarial que precisan dunha conexión a internet. A agrupación critica as políticas desenvolvidas polo Concello e pola Deputación debido á mala formulación, dilapidación e o mal funcionamento dos sistemas implantados. Sinala que varias redes wifi e wi-max foron implantados coa correspondente construción de antenas no rural e un custo moi elevado que pode roldar o medio millón de euros sen que se teña conseguido avanzar nin o máis absoluta nunha mellora do acceso e da velocidade de internet.

Por este motivo, Pilar Dopazo quere crear unha sociedade pública que sirva como estímulo para o desenvolvemento económico. A sede encontraríase no antigo edificio de Facenda en San Francisco. Esta sociedade encargaríase de implantar unha rede de fibra óptica que explotaría en réxime de aluguer a diferentes operadoras. Con esta iniciativa, o Concello asumiría as tarefas do proxecto, obra civil, coordinación, conexión, canalización, permisos e demais traballos para despregar a rede.

Este partido político entende que os investimentos sería dunha alta rendibilidade tanto pola amortización directa polo aluguer ás operadoras coma en termos de rendibilidade económica e de creación de emprego. Ademais, os membros da agrupación consideran que esta proposta achegaría internet de calidade a un custo moi competitivo a zonas do concello que contan cun nivel moi baixo de cobertura.