O Camiño de Santiago é, segundo Ciudadanos, unha das "grandes bazas" de Galicia en materia de turismo e cultura e é posible sacarlle aínda máis partido. Así o asegurou a presidenta da comisión de Cultura no Congreso dos Deputados, Marta Rivera de la Cruz, que mantivo este luns en Pontevedra un encontro con axentes culturais da cidade.
Acompañada pola candidata de Ciudadanos á presidencia da Xunta, Cristina Losada, Marta Rivera de la Cruz destacou que o seu partido aposta por promocionar e visibilizar os camiños de Santiago alternativos ao francés.
O camiño tradicional, dixo, está "saturado" e na súa actual concepción "ya no puede dar mucho más de sí". A partir de aí ábrese, segundo avanzou, "muchísimas posibilidades de sacar partido a los demás". Trátase de camiños que teñen unha riqueza arquitectónica "brutal" e que, segundo a representante de Ciudadanos, son "grandes desconocidos".
Esta é unha das propostas para o ámbito da cultura que incluíu Ciudadanos no seu programa electoral.
Ademais, Marta Rivera de la Cruz afirmou que Ciudadanos quere crear unha rede denominada Ciudades de la Romanidad, un organismo para promocionar turísticamente os "hitos románicos" en España e onde Galicia "tiene mucho que decir".
Ciudadanos propón crear un Instituto Galego de Patrimonio, en colaboración coas universidades, para avanzar na súa protección tras "tantos años abandonado"; potenciar a Orquestra Sinfónica de Galicia, que ven "dejada y muy desatendida" e sen aproveitar todo o seu potencial; ou coordinar os museos de arte contemporánea para mellorar a oferta existente.
Con respecto ao galego, Ciudadanos reiterou que apostan por unha educación trilingüe (español, galego e inglés), por ofrecer clases de galego a través do Instituto Cervantes "porque hay interés" ou por recuperar as axudas de promoción exterior da literatura galega para que as editoriais "se sientan respaldadas".
Neste sentido, Rivera de la Cruz defendeu a ampliación do orzamento de adquisición de libros para as bibliotecas, "que se ha reducido de forma bochornosa"; e dar visibilidade aos libros editados en Galicia "porque hay que poner en valor el negocio editorial gallego".