Cinco galegos nunha armada española que afronta sen complexos a Gran Final: "É como correr no patio da casa"

Pontevedra
21 de setembro 2023

A Selección Española de Tríatlon presentou este xoves na Praza da Peregrina ao equipo que lle representará na Gran Final das Series Mundiais, coa presenza de cinco deportistas galegos: Natalia Castro, Antonio Serrat, Susana Rodríguez, Esteban Basanta e Sara Guerrero

Presentación da Selección Española de Tríatlon para a Gran Final das Series Mundiais
Presentación da Selección Española de Tríatlon para a Gran Final das Series Mundiais / Mónica Patxot

"Para todo o equipo español é especial por ser na casa, e no caso dos galegos un pouco máis. Eu por exemplo estiven en Pontevedra adestrando todos os días por aquí e é como correr no patio da casa".

Son palabras do vigués Antonio Serrat, bolseiro durante anos no Centro Galego de Tecnificación Deportiva e unha das caras máis visibles do equipo español que competirá na Gran Final das Series Mundiais. Non en balde leva anos pelexando cos mellores e mesmo asinou algún podio en probas do Mundial.

Serrat (elite) é un dos cinco galegos que competirán na gran cita, xunto á budetense Natalia Castro (sub-23), a viguesa Susana Rodríguez (paratríatlon), o lugués Esteban Basante e a naronesa Sara Guerrero (elite).

"Poder competir nunha proba deste nivel e poder facelo nunha Gran Final na pista de atletismo onde fixen tantas series é algo moi especial e espero que me de un pouco máis de forza na competición", afirma.

Susana Rodríguez pola súa banda aspira todo o máis alto no paratríatlon, unha deportista que está "súper feliz de ver aquí os mellores triatletas do Mundo e creo que é un premio para todos ter esta proba na casa", explicou.

A proba será especial tamén para o resto da selección nacional, e é que por primeira vez dispútase un evento das Series Mundiais en España. Todos eles, a armada española, foi presentada este xoves nunha foto de grupo organizada na Praza da Peregrina, unha zona que durante a carreira "vai ser espectacular para o público".

A Selección Española para esta cita, ademais dos depotistas galegos, complétana os elites Roberto Sanchez Mantecón, David Castro, Sergio Baxter, Alberto González, Miriam Casillas, Anna Godoy, Noelia Juan e Marta Pintanel; os sub-23 José Ignacio Gálvez, David Canteiro, María Casals e Iratxe Arenal; e os paratriatletas

Cristina Miranda (PTS5), Andrea Miguélez (PTS5), Marta Francés (PTS4), Carmen González (PTS4), Rakel Mateo (PTS2), Eva Moral (PTWC), Héctor Catalá (PTV), José Luis García (PTVI), Jairo Ruiz (PTS5), Alejandro Sánchez (PTS4), Nil Riudavets (PTS4), Dani Molina (PTS3), Kini Carrasco (PTS3), Lionel Morales (PTS2) y José Cristóbal (PTW).