O candidato de Cidadáns á Alcaldía de Pontevedra, Goyo Revenga, manifestou hoxe o apoio "sen demagoxias" aos postos de traballo e á actividade industrial que xera Ence en Pontevedra.
Fíxoo tras reunirse co delegado de Ence en Galicia, Antonio Casal, acompañado de varios membros da súa candidatura, María Rey, Marga Soliño e José Manuel Fernández.
Revenga lembrou que serán os tribunais de xustiza os que decidan se a fábrica debe permanecer na ría.
No caso de que se garanta a súa prórroga, advertiu, Cidadáns esixirá que Ence devolva a Pontevedra parte dos seus beneficios, a través dun plan de investimento perdurable que permita o crecemento do emprego, a finalización do seu plan de integración paisaxística e a continuidade e incremento da contía do plan social que desenvolve a empresa.
Pola súa banda, a concelleira e número dous da candidatura, María Rey, lamentou que a inseguridade xurídica que vive a pasteira xa provocase que Pontevedra perda a planta de biomasa que a empresa decidiu crear en Huelva.
"Só espero que o bipartito non bote por terra os 300 millóns de investimento en Pontevedra que están no aire", engadiu.