A pantalla instalada no escenario da Praza de España non paraba de repetilo. "Chegou o día!", sinalaba unha e outra vez, e é que Pontevedra é desde este xoves a auténtica capital do tríatlon co inicio oficial da Gran Final das Series Mundiais.
Por diante chegan tres días de intensa competición, ata o domingo 24, nos que se participarán ao redor de 3.000 deportistas entre grupos de idade, paratriatlón e elite, coa presenza de todos e cada un dos mellores triatletas do panorama internacional, nun evento crave para moitos para lograr o billete para os Xogos Olímpicos.
Pero este xoves era quenda da inauguración oficial dos campionatos, que contaxiou de vitalidade e colorido o centro da Boa Vila empezando por un espectacular desfile de nacións entre A Ferrería e a Praza de España.
Unha a unha, as delegacións de cada un dos países participantes foron completando o percorrido con bandeiras e cánticos, entre o apluso dos pontevedreses.
Foi o aperitivo á propia cerimonia, aderezada coa acrobática actuación da compañía local Pablo Méndez Performance e a música da Agrupación Folclórica Celme.
"É un orgullo colectivo celebrar a Gran Final das Series Mundiais", sinalou na súa intervención o alcalde e presidente do comité organizador da Gran Final, Miguel Anxo Fernández Lores. Xunto a el o resto de autoridades, como o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o presidente da Deputación; Luís López; e os presidentes de Federación Española e Internacional de Tríatlon, José Hidalgo e Marisol Casado.
"Pontevedra respira tríatlon en cada esquina e cada praza", lembraba no seu discurso o presidente da federación española, e é que "para un triatleta correr nunha cidade como Pontevedra é como para un piloto de Fórmula 1 correr no circuíto de Mónaco", aseguraba Luís López. Todos, tal e como sinalaba Alfonso Rueda, "orgullosos de que Galicia sexa a capital do tríatlon durante estes días".
Porque "viva Pontevedra e viva o tríatlon!"