Charles, o regreso dun fillo pródigo do Pontevedra para ilusionarse con voltar á elite

Pontevedra
30 de decembro 2021

O 2020 deixa un nome propio a nivel deportivo na cidade e en particular no Pontevedra Club de Fútbol, Charles Dias de Oliveira. O seu regreso á entidade granate directamente desde Primeira División, deixando en segundo plano mellores opcións económicas, tivo un gran impacto na cidade pero tamén a nivel nacional. Con el como cabeza de lanza, o club de Pasarón pelexa polo obxectivo de ascender de categoría

Charles, na súa presentación como xogador do Pontevedra
Charles, na súa presentación como xogador do Pontevedra / Mónica Patxot

O 2020 deixa un nome propio a nivel deportivo na cidade e en particular no Pontevedra Club de Fútbol, Charles Dias de Oliveira. O seu regreso á entidade granate directamente desde a SD Eibar de Primeira División creou unha gran expectación non só na cidade, senón que supuxo un gran impacto mediático a nivel nacional.

Ata as cámaras do popular programa televisivo El Día Después acudiron a su primer partido en casa en liga coa camiseta granate, un signo máis do impacto creado co seu regreso anos despois de que o Pontevedra lle abrise as portas do fútbol en España.

Precisamente ese agarimo cara á camiseta fíxolle meditar moito a súa idea de volver, en pleno confinamento, a pesar de que contaba con multitude de ofertas de maior nivel económico e deportivo.

"Aquí cheguei sendo un neno e funme sendo un home. Agora volvo a casa", lembrou na súa presentación no Estadio Municipal de Pasarón, e é que "fun moi feliz aquí e espero volver selo", sinalou deixando claro que "se fóra por diñeiro non estaría aquí".

A chegada do brasileiro supuxo toda unha revolución, sobre todo a nivel social, para un proxecto que xa empezara a investir forte no mercado invernal pre-pandemia coa chegada entre outros do pichichi da Segunda B,  Rufo. De feito a cancelación da competición e a finalización prematura da liga supuxo un pau para o club e os seus dirixentes, que sentiron prexudicados ao confiar en poder chegar a disputar o play- off de ascenso.

Superado ese golpe, no verán redobrouse a aposta con chegada de homes importantes e unha declaración de intencións: "Aspiramos a todo", declarou xusto antes do inicio da tempada a presidenta Lupe Murillo.

Esa ambición traduciuse nun inicio de curso positivo con sete xornadas sen perder, algo que non se lembraba desde a 87-88, chegando a ocupar o liderado e sempre sen perder a posición de privilexio entre os tres primeiros, os que xogarán ao final da primeira fase polo ascenso a pesar da última derrota encaixada no feudo do Coruxo, que deixou unha sensación amarga.

A Copa do Rei borrou esa percepción, cun triunfo fronte o Cartaxena da Segunda División que permitirá comezar o 2021 cunha nova ilusión, recibir en  Pasarón a un equipo de Primeira División como o Cádiz. O primeiro paso para un ano que promete emocións fortes.