As Festas de Verán de Pontevedra, ademais de todos os ciclos e actividades lúdicas e culturais, incluirán un ano máis varios eventos sectoriais que atraerán a numeroso público.
Así, regresará a feira de artesanía e deseño Chalana, que reunirá a artesáns de toda Galicia durante case tres semanas.
Será entre os días 17 de xullo e 4 de agosto no Paseo de Antonio Odriozola, nas inmediacións da Praza da Ferrería.
A feira estará aberta entre as 11 e as 14 horas, en horario matinal; e entre as 19 e as 22:30 horas pola tarde-noite.
Ademais, do 14 ao 17 de agosto terá lugar unha nova edición, a trixésimo cuarta, de Meleira, a Feira do Mel de Pontevedra, que reunirá a numerosos produtores de mel na Rúa Serra, xunto ao mercado de abastos.
Xunto a estas actividades, as Festas de Verán complétanse con actividades como o Aquí Cántase (9 de agosto) con Maravallada, unha iniciativa de promoción do canto tradicional; ou coa 52 edición da entrega de premios Amigos de Pontevedra (9 de agosto), na Finca Batacos.