A relación entre Castelao e o Museo de Pontevedra reforzouse aínda máis, se é que iso é posible, durante este 2020. O intelectual galeguista foi en vida uno dos seus grandes impulsores e o Museo é o lugar que reúne un maior número das súas obras. Nesta simbiose, con Pontevedra como testemuña de excepción, un non se pode entender sen o outro.
A colección que a institución pontevedresa atesoura de Castelao inclúe preto de 2.000 das súas obras. Pero, sen dúbida, a de maior valor incorporouse este ano. Tras case cinco anos expoñéndoos grazas a unha cesión, os orixinais do Álbum Nós foron adquiridos polo Museo. Foi unha das noticias culturais de maior relevancia de Galicia.
Unha familia pontevedresa gardaba esta obra froito dun agasallo persoal do propio artista no ano 1935 e, tras unha negociación da que aínda se descoñecen moitos detalles, o Álbum Nós pasará a ser patrimonio de todos os pontevedreses.
As 49 láminas, o autorretrato de Castelao e o 'exlibris' que pecha o álbum serán parte dos fondos en propiedade do Museo.
O director do Museo, José Manuel Rey, destacou o "capital simbólico" que supón o Álbum Nós. Castelao fíxoo nun momento "crucial" da súa evolución artística e ideolóxica, promovendo a defensa de Galicia e buscando espertar a conciencia colectiva.
"Ten un irrenunciable valor artístico, histórico, social e político e unha significación cultural e identitaria”, subliñou Rey, que reivindicou o papel do museo "á hora de configurar un relato lúcido sobre a guerra, a represión e o exilio que axuden a entendernos como país".
Pero neste 2020 o Museo non só foi noticia polos fondos que adquiriu, senón tamén por dous cadros que deixarán de formar parte da súa colección permanente.
O Museo de Pontevedra devolverá a Polonia dous cadros do pintor flamenco Dieric Bouts tras comprobar que pertencen á colección da familia Czartoryski, vítima do espolio dos nazis tras a invasión alemá en 1939.
Estas dúas pezas de arte, un Ecce Homo e unha Dolorosa, son do século XV e orixinalmente formaban un mesmo díptico. Foi o Ministerio de Cultura polaco o que alertou que estes cadros desapareceran tras a invasión nazi.
Os cadros eran da colección de José Fernández López, un dos benefactores do Museo de Pontevedra que, ao parecer, adquiriunos en galerías especializadas de Barcelona ou Madrid a mediados dos anos 70. Tras anos en depósito no museo pontevedrés, os seus responsables compraron toda a colección -unhas 313 pezas de arte- en 1994.
Iso si, antes de devolvelas a Polonia, o Museo de Pontevedra expoñerá estes dous cadros ao público por última vez como pezas principais dunha exposición que, á volta do nadal, abordará os espolios rexistrados por mor de conflitos bélicos.
Meses antes, en xullo, o Museo tamén experimentou un cambio radical. Estreou unha nova imaxe, formada por unha M moldeada segundo a formas da cidade de Pontevedra e pezas do Tesouro de Caldas. Con ela, busca potenciar o seu carácter e "fincarse" no século XXI.
A deseñadora Uqui Permui foi a autora elixida para realizar este cambio, reinterpretando "cunha linguaxe diferente e con novos códigos" a representación que Alejandro de la Sota fixo no seu debuxo de 1942, imaxe do Museo durante os últimos 75 anos.