Case 800.000 pontevedreses teñen dereito a votar o 25-S

Pontevedra
24 de setembro 2016

Un total de 771.681 pontevedreses estamos chamados ás urnas este domingo 25 de setembro. Nas nosas mans estará elixir ao novo presidente da Xunta de Galicia para o próximos catro anos. En total, teñen dereito ao voto case 2,7 millóns de galegos. De todos eles, 128.159 son pontevedreses que residen actualmente fóra de Galicia

Xente votando nas eleccións xerais do 26-X
Xente votando nas eleccións xerais do 26-X / Diego Torrado

Un total de 771.681 pontevedreses estamos chamados ás urnas este domingo 25 de setembro. Nas nosas mans estará elixir ao novo presidente da Xunta de Galicia para o próximos catro anos. En total, teñen dereito ao voto case 2,7 millóns de galegos.

De todos eles, 128.159 son pontevedreses que residen actualmente fóra de Galicia.

Por toda a provincia haberá repartidas 1.341 mesas electorais, situadas en 686 puntos de votación. Todas elas constituiranse ás oito da mañá. Unha hora despois serán abertas ao público. Teremos ata as oito da tarde para depositar o noso voto.

Toda a información desta xornada electoral poderase consultar a través da páxina web que puxo en marcha a Xunta: http://eleccions2016.xunta.gal/, onde se ofrecerán datos do escrutinio provisional a nivel autonómico, provincial, comarcal e por concellos e datos de participación segundo se vaian recibindo.

Este domingo traballarán en total 2.716 representantes da administración, que por primeira vez nas eleccións galegas contarán cada un cunha tablet para a transmisión de datos da votación desde os colexios electorais ata o centro de procesamento da información.

Este sistema permitirá, entre outras vantaxes, unha maior velocidade de escrutinio, maior exactitude, a eliminación de tarefas intermedias de comunicación telefónica e a gravación de datos no Centro de Recollida, diminuíndo os recursos utilizados e o número de postos de recepción por teléfono.  

Ademais, a seguridade tamén será un aspecto de especial atención nesta xornada do 25-S. Así, a Delegación do Goberno en Galicia informou que, na provincia de Pontevedra, serán máis de 2.000 axentes os que traballarán para que todo transcorra con normalidade.

Serán en total 1.112 efectivos da Garda Civil e 852 da Policía Nacional. A eles sumaranse tamén axentes da Policía Autonómica e das correspondentes policías locais dos concellos pontevedreses.

Arquivado en