A última enquisa de campaña que publicará o entro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) de cara ao 18 de febreiro profunda na tendencia das dous anteriores, poñendo en dúbida a maioría absoluta do PP e confirmando que o BNG se dispara en intención de voto e podería selar un bipartito co PSOE a pesar de que os socialistas mesmo baixan.
Segundo a enquisa, o PP gañaría as eleccións co 42,2% dos votos, pero o crecemento do BNG apontoaría un goberno progresista. Así, os nacionalistas soben ata o 33,4% dos votos, o PSdeG-PSOE obtén o 18,1% e xuntos suman un 51,5%, que supera en porcentaxe ao PP
Ese 42,2% dos votos do PP traduciríanse en entre 34 e 38 escanos, cun escenario que levaría a unha máis que probable perda da maioría absoluta, situado neses 38 máximos que lle dan. Na última lexislatura, o entón candidato, Alberto Núñez Feijóo, logrou 42 e agora o seu sucesor, Alfonso Rueda, podería perder entre seis e oito actas.
O 33,4% dos votos que lle dá o CIS ao BNG traduciríase en entre 24 e 31 escanos, un crecemento que ata o de agora non previra ningunha enquisa e que sería sumar ata 12 deputados máis que os 19 actuais, que xa supoñían o seu teito electoral.
O PSdeG-PSOE confírmase como terceira forza e ese 18,1% dos votos traduciríase nunha estimación de entre 9 e 14 escanos. No mellor dos escenarios, reedita os seus 14 actuais, pero podería chegar a perder cinco.
Sumar, que irrompe nestas eleccións por primeira vez nunhas autonómicas, podería conseguir representación co 2,8% dos votos en toda Galicia, pois nalgunha circunscrición llegarí ao 5% necesario para entrar no Parlamento.
Esta enquisa, por primeira vez na campaña, tamén abre a porta a que Vox podería obter un escano, co 2,4% dos votantes e un deputado nalgunha circunscrición.
A candidata do BNG, Ana Pontón, é, como nas anteriores enquisas do CIS, a mellor valorada, cun 5,89. Séguea Alfonso Rueda, cun 5,29.
O candidato do PSdeG-PSOE, Xosé Ramón Gómez Bestiero, non aproba, quedando nun 4,85, aínda que por encima do resto de candidatos. A cabeza de cartel de Sumar, Marta Lois, alcanza o 4,06 e Pachi Vázquez, de Espazo Común Galeguista o 3,58.
Ana Pontón é a candidata que os enquisados consideran que máis se preocupa polos problemas de Galicia, cun 39,4%, por diante de Alfonso Rueda cun 30,7%.
Para o 34,2 % dos galegos o BNG é o partido que está a expor na campaña asuntos de máis interese para Galicia, seguido do PP (29,3%).
Tamén o BNG é o partido que está a tratar asuntos do interese persoal do votante. Está en primeiro lugar (27,4%), seguido do PP (27%)
En todo caso, esta enquisa queda condicionada polos votantes indecisos, pois o 23,7% dos galegos recoñece que non decidiu aínda a que partido vai votar. Un 4,4% asegura que decidirá o sentido do seu voto durante a xornada de reflexión e o 7,4% o mesmo día das eleccións.
O medio preferido polos galegos para informarse sobre os programas dos partidos e as propostas dos candidatos é a televisión cun 58,3%, seguido pola prensa nos seus diferentes formatos para un 46,1%.
As redes sociais ocupan o terceiro lugar, cun 35,7% e en cuarto lugar sitúase a radio que é o medio elixido polo 27,6%.
A enquisa realizouse entre o 5 e o 7 de febreiro con 3.945 entrevistas.