Besteiro pon fin a quince días de campaña pensando nun cambio "ilusionante e seguro"

Pontevedra
16 de febreiro 2024

Tras percorrer máis de 16.000 quilómetros polas catro provincias galegas, o candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, quixo pedir aos galegos no último día de campaña que se unan ao cambio "ilusionante e seguro" que haberá en Galicia

José Ramón Gómez Besteiro, no mercado de Santiago
José Ramón Gómez Besteiro, no mercado de Santiago / PSdeG-PSOE

Tras percorrer máis de 16.000 quilómetros polas catro provincias galegas, o candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, quixo pedir aos galegos no último día de campaña que se unan ao cambio "ilusionante e seguro" que haberá en Galicia.

"A mensaxe que estamos mandando os socialistas de máis emprego, máis dereitos e máis ambición de país non fixo máis que confirmarse cada día", explicou Gómez Besteiro que fixo balance dunha campaña "positiva, pensando no futuro e nese cambio do 18 de febreiro".

Nestes días finais, o líder socialista quixo poñer o foco nas propostas que se basean en "máis emprego, máis acordos e máis reindustrialización", en salarios máis dignos, que sexan iguais para homes e para mulleres ou en apostar pola sanidade pública e pola igualdade de xénero. 

Os socialistas, segundo Besteiro, "son sinónimo de estabilidade, de xestionar ben as oportunidades que virán durante os vindeiros anos", e alertou que moitas delas están en Galicia, "pero moitas delas están fóra de Galicia e non as podemos perder".

O candidato está seguro de que o PSOE "vai estar presente no cambio de pasar páxina da falta de ambición e de proxecto do PP" e que será un cambio para mellor con "máis ilusión e con proxecto" para o país.

Así mesmo, reivindicou o compromiso do Goberno de España con Galicia "hoxe e mañá", que se manifestou especialmente nesta campaña co propio Pedro Sánchez e o gran número de ministros que acudiron á comunidade galega nos últimos quince días. 

Ademais, nun encontro con representantes da plataforma Galicia Baleira, Besteiro comprometeuse a superar "a Galicia de dúas velocidades que nos deixa o PP", con máis investimento, máis servizos e máis emprego para afrontar o reto demográfico.

Contar con servizos públicos próximos "a menos de 30 minutos", potenciar a oferta pública en sanidade, residencias, transporte, colexios e vivenda, estender a cobertura de internet a alta velocidade ou achegar á administración ás vilas rurais son outras das iniciativas dos socialistas.

Arquivado en