O terceiro "pacto de país" que lanza nesta campaña o candidato do PSdeG-PSOE á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, é o seu compromiso de negociar con empresarios e sindicatos que os soldos en Galicia aumenten "como mínimo" ata a media salarial española.
Segundo a última estatística do INE, o salario medio mensual do conxunto dos españois é de 2.118 euros fronte os 2.056 dos galegos, polo que Gómez Besteiro considera "prioritario" este asunto porque "é sinónimo de mellor economía, máis oportunidades e máis ambición de país".
Os socialistas defenden que "un salario digno é un dereito básico" e puxeron como exemplo a suba do salario mínimo a 1.134 euros, un 60% máis desde que Pedro Sánchez é presidente, fronte un PP "que prefire a precariedade dos traballadores".
Aumentar os salarios, segundo Besteiro, "é a mellor ferramenta para combater a pobreza, porque a experiencia demóstranos que a desigualdade non é compatible co benestar".
Outro dos compromisos adquiridos polo candidato socialista no marco deste acordo de país pasa por impulsar desde a Xunta medidas efectivas para a mellora da estabilidade laboral para os traballadores no emprego público galego.
Entre elas, comprometeuse a facer efectiva a implantación da xornada laboral de 35 horas para todo o persoal da administración galega, afrontar de maneira máis eficiente as xubilacións e captar talento nos procesos selectivos.
Tamén avanzou a actualización das ofertas públicas de emprego contando a totalidade de vacantes e xubilacións, así como "total transparencia" nas taxas de reposición e comisión de servizo, vacantes e listas de contratación.