Besteiro comprométese a buscar un acordo con empresarios e sindicatos para xerar 100.000 postos de traballo

Pontevedra
11 de febreiro 2024

Nun acto acompañado polo ex-presidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero, o candidato socialista asegura que se sae elixido presidente de Galicia liderará un acordo de país con empresarios e sindicatos para mobilizar 10.000 millóns de euros de investimento

José Ramón Gómez Besteiro e José Luis Rodríguez Zapatero
José Ramón Gómez Besteiro e José Luis Rodríguez Zapatero / PSdeG-PSOE

O candidato socialista á presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, rodeouse este domingo na campaña electoral do ex-presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero.

Nun acto celebrado en Ferrol, Besteiro comprometeuse, se chega á presidencia, a liderar un acordo de país con empresarios e sindicatos que mobilice ata 10.000 millóns de euros de investimentos e supoña a creación de ata 100.000 postos de traballo no sector industrial e noutros sectores económicos.

Sería, asegura, o primeiro gran acordo de país que impulsarían se acceden ao goberno da Xunta.

O cabeza de lista do PSdeG puxo como exemplo da súa proposta a "aposta sen precedentes liderada polo Goberno de España por reindustrializar a comarca de Ferrol e o conxunto de Galicia con preto de 7.000 millóns de investimento" para a construción de varias fragatas, un buque de combate ou a modernización de Navantia, entre outros investimentos que, defende, xerarán máis de 10.000 postos de traballo e carga laboral para os próximos 10 anos.

Gómez Besteiro sinalou como obxectivo conseguir que o PIB industrial de Galicia pase do 16% actual ao 20% da media española.

O socialista fixo fincapé na necesidade na que sexa o seu partido quen lidera a transformación de Galicia "cara a un futuro máis próspero e igualitario para todos os galegos e galegas". 

O candidato do PSdeG-PSOE quixo reivindicar ademais o legado de "loita e compromiso social" que supuxeron os anos de José Luis Rodríguez Zapatero como presidente do Gobinerno nos que o seu partido "defendeu e promoveu os dereitos e liberdades sociais en toda España".

Arquivado en