Se o PPdeG volve gañar as eleccións o 25 de setembro, a ría de Pontevedra seguirá sendo "prioritaria" e haberá unha solución "definitiva" en materia de saneamento. Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, nun encontro que mantivo en Lourizán con veciños da parroquia.
Acompañada polos candidatos Lupe Murillo e Jacobo Moreira e o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, Mato ratificou o compromiso "firme" dos populares con esta actuación, como xa se recolle nos orzamentos deste ano, dixo, nos que se destinaron arredor de 11 millóns de euros para actuacións en Marín, Poio e na redacción dun plan de saneamento, "que xa está adxudicado e no que se está a traballar".
Mato lembrou que o PPdeG traballa nesta liña dende o ano 2009, coa declaración de especial sensibilidade, e a partir do 2015 coa declaración de obra de interese, porque "das nosas rías vivimos, traballamos, comemos e gozamos, son a nosa prioridade".
Neste sentido, Beatriz Mato apelou á colaboración entre administracións, porque recordou que a Xunta "non pode ser a única, senón que os concellos da ría deberán desenvolver as súas competencias".
O plan de saneamento, no que xa se está a traballar, será a folla de ruta que seguirá o goberno de Feijóo de cara aos investimentos que se destinen ata o ano 2020. Concretamente, máis de 45 millóns de euros, única e exclusivamente da Xunta de Galicia, aos que se engaden os 15 millóns de euros que investirá a empresa Ence.