Bará pide o voto para o BNG para que a Xunta deixe de ser "a delegación do goberno de Madrid"

Vilaboa
11 de setembro 2016

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra subliñou en Vilaboa a necesidade de que Galicia conte con instrumentos políticos, financeiros e sociais propios para encarar os retos de futuro e instou aos galegos a apostar por un proxecto de país que permita despregar "toda a enerxía e potencial que temos, que é moita e está desaproveitada"

Mitin de Luis Bará en Vilaboa
Mitin de Luis Bará en Vilaboa / BNG

O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra para as próximas eleccións do 25 de setembro, Luís Bará, estivo este domingo na súa localidade natal, Vilaboa, e pediu o voto para a formación nacionalista porque ofrece un proxecto ambicioso para "facer de Galicia un gran país" e transformar a Xunta "nun verdadeiro goberno galego en lugar de manter a xestoría ou delegación do Goberno de Madrid na que Feijóo a converteu nos últimos sete anos". 

Bará subliñou a necesidade de que Galicia conte con instrumentos políticos, financeiros e sociais propios para encarar os retos de futuro e instou aos galegos a apostar por un proxecto de país que permita despregar "toda a enerxía e potencial que temos, que é moita e está desaproveitada".

O candidato asegurou que o BNG ten un proxecto de modernización e de progreso, que aposta polos sectores máis dinámicos e innovadores, o talento, a innovación, a intelixencia e a valentía e destacou que Galicia ten, por exemplo, unha potencia alimentaria que debe producir máis e tirar máis beneficio dos seus recursos: o mar (pesca, marisqueo, acuicultura), o rural ou o monte.

Para logralo, aposta por unha alianza estratéxica entre o tecido produtivo, a investigación e a innovación para multiplicar os beneficios, xerando riqueza, emprego e benestar. Avoga polo apoio á transformación dos produtos do sector primario coa participación de produtores na cadea de valor ou a agrupación en grandes proxectos para ser máis competitivos.    

Fronte a estas propostas nacionalistas, sostén que nos últimos sete anos de goberno Alberto Núñez Feijóo paralizou importantes proxectos de transformación e modernización impulsados polo BNG no bipartito que estivo na Xunta entre 2005 e 2009, tales como o plan eólico, o banco de terras, o programa de innovación e investigación ou unha política integral de montes. 

Arquivado en