O tren de proximidade -ou cercanías como se coñece oficialmente- entre Vigo e Pontevedra será unha prioridade para un goberno galego dirixido polo BNG. Así o reiterou este mércores o seu candidato por Pontevedra, Luis Bará.
Bará recordou que este compromiso está incluído no pacto que o BNG asinou co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez, polo que garantiu que o seu partido "porá as pilas" ao Goberno central para que este tren poida ser unha realidade nun horizonte de dous anos.
"O goberno do BNG na Xunta será o goberno do tren e esta será a lexislatura do tren en Galicia", destacou o candidato nacionalista, que subliñou que a conexión en AVE Vigo-Porto tamén é un proxecto "estratéxico", polo que instará ao Estado a axilizar todos os proxectos.
Sostivo que Portugal "colleu a dianteira" e está lanzando os primeiros proxectos da liña que comunica Lisboa con Porto e facendo trámites coa liña de Porto-Braga-Valença e "aquí estamos no cuarto ou quinto estudo informativo", tras investir cinco millóns de euros "sen que haxa nada".
Entre os compromisos avanzados por Bará estiveron tamén aumentar as conexións con Valença, a creación do 'Galtren' para xestionar a rede ferroviaria interna de Galicia, a mellora de todas as infraestruturas ferroviarias que dependen do Estado ou reforzar a intermodalidade.
A isto engadiu que todas as melloras deben ir apoiadas en bos prezos para que o tren sexa máis atractivo para a cidadanía, xa que "reducir custos en transportes é fundamental para as persoas traballadoras", polo que o tren "estará no centro das nosas prioridades".