Por culpa do Partido Popular, segundo Luis Bará, Galicia viviu nos últimos anos un proceso de "deterioro e de redución do gasto público" en sanidade e noutros servizos esenciais. Tamén se puxeron en mans privadas a xestión de parte do sistema sanitario como o novo hospital de Vigo. E o BNG avanza que intentará frear ambas as dúas cuestións.
De feito, nunha xuntanza celebrada en Pontevedra con colectivos do ámbito da sanidade, o candidato do BNG por Pontevedra subliñou que na cidade do Lérez, a diferenza de en Vigo, freouse a construción dun hospital de xestión privada grazas á presión social e política.
"Quérennos dicir que é mellor facer unha xestión privada da sanidade,e nós dicimos que sempre é mellor a xestión pública, porque é máis barata e eficaz", subliñou Bará, que reclamou unha fiscalidade propia para Galicia que permita "atender a sanidade" e a prestación dos servizos públicos do país.
O candidato asegurou, neste sentido, que só facendo que Galicia recadase o imposto de sociedades engrosaría en 3.000 millóns os orzamentos do país.
"Se non temos máis ingresos non podermos dar resposta ás nosas necesidades. Non se poden facer milagres de repente, por iso son necesarios cambios estruturais que permitan que Galiza teña capacidade de influencia", destacou.
Pola súa banda, a candidata e parlamentaria portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, afondou nas palabras de Bará e destacou que o PP pensou na sanidade como "un nicho de negocio" e levouse adiante unha "demolición planificada" do sistema galego de saúde para que os cidadáns acudan á sanidade privada.
Prado destacou a necesidade de realizar unha auditoría da situación da sanidade galega para reverter as privatizacións e pasar a unha xestión enteiramente pública que poña en valor os hospitais de todo o país.