Bará avanza que o BNG recuperará a materia de igualdade de xénero en ESO e Bacharelato

Pontevedra
07 de febreiro 2024

Un goberno encabezado polo BNG incluirá prazas de técnicas de igualdade na oferta de emprego público da Xunta. É o compromiso que lle trasladou este mércores o candidato por Pontevedra, Luis Bará, ao colectivo de técnicas de igualdade de Galicia

Xuntanza de Luis Bará con representantes do colectivo de técnicas de igualdade
Xuntanza de Luis Bará con representantes do colectivo de técnicas de igualdade / BNG

Un goberno encabezado polo BNG incluirá prazas de técnicas de igualdade na oferta de emprego público da Xunta. É o compromiso que lle trasladou este mércores o candidato por Pontevedra, Luis Bará, ao colectivo de técnicas de igualdade de Galicia.

Con elas se reuniu en Pontevedra para escoitar as súas preocupacións pola falta de amparo lexislativo e de recoñecemento da súa figura dende a creación do ciclo superior de promoción de igualdade no ano 2017.

Bará sostivo que é preciso que as institucións públicas, nomeadamente a administración galega, teña este tipo de persoal propio en materia de igualdade para traballar de maneira continuada no tempo e cunhas condicións laborais xustas.

Recoñeceu tamén que é preciso fomentar a información sobre a figura das técnicas de igualdade entre institucións e empresas de ámbito privado e compartiu a necesidade de que a formación dos estudos de ciclo específicos para exercer se faga de maneira presencial.

O candidato nacionalista aproveitou a cita coas técnicas de igualdade para garantir tamén que coa chegada do BNG ao goberno galego recuperarase a oferta da materia de igualdade de xénero, eliminada no curso 2023-24 polo PP no ensino secundario e no bacharelato. 

Apostou Bará por promover unha educación non sexista e coeducativa, facendo que todo o material curricular no ensino estea fundamentado no principio de igualdade entre mulleres e homes, establecendo medidas destinadas ao recoñecemento e ensinanza do papel das mulleres na historia, no pensamento, na ciencia e, en xeral, na sociedade.

Ademais, avogou por elaborar, de maneira dialogada cos distintos axentes, un plan galego de educación afectivo-sexual e por crear unha valedoría de igualdade como órgano de defensa cidadá perante situacións de discriminación, directa ou indirecta por razón de xénero.

Tamén anunciou a posta en marcha do Instituto Galego das Mulleres como un organismo público que promova e fortaleza as políticas de igualdade de forma transversal en todos os ámbitos da vida social, económica, cultural e política de Galicia.

Arquivado en