O candidato do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, participou este mércores nunha repartición de propaganda electoral polas rúas da Boa Vila no que recolleu "moita enerxía positiva da xente".
Bará sinalou que esta percepción repetiuse durante toda a campaña na que "notamos un retorno dos votantes que volven confiar no BNG", algo que, ao seu xuízo, ten que ver con varias razóns: "co discurso que estamos a levar, co proxecto alternativo que temos", e tamén co que o Bloque denomina "efecto Pontón".
A candidata do BNG á presidencia da Xunta "está a facer unha campaña impresionante", afirmou Luís Bará.
O concelleiro pontevedrés cre que o BNG conseguiu resintonizar coa sociedade, "asumimos que cometemos erros nos últimos anos, pero agora hai unha nova etapa" que comezou na última asemblea co liderado de Ana Pontón, "cunha liña política clara e unha aposta firme e contundente e cun novo estilo no discurso político". Deste xeito, segundo o Bloque, soubo conectar con outros sectores da sociedade "que aínda que non sexan propiamente nacionalistas, teñen un sentimento de país, un galeguismo e ven con simpatía esta nova etapa".
Así, nesta recta final, a mensaxe que se quere transmitir insiste na idea que o voto ao BNG é clave para derrotar ao PP. Hai varios deputados en disputa e o Bloque cre que na medida que consigan estes escanos o PP vai perder a maioría absoluta. Con este propósito apelan "á xente que cre e que confía neste país para que confía unha forza propia como o BNG".
Luís Bará asegura que "a alternativa nacionalista de esquerdas está no BNG", porque "a candidatura de en Marea leva nos cinco primeiros postos a catro persoas de Podemos e unha de Esquerda Unida, por tanto non hai ningunha opción de que representen os sentimentos das persoas que son nacionalistas e que senten galeguistas e de esquerdas", explicou.
COMERCIO LOCAL
O candidato do BNG pronunciou este mércores un discurso en defensa do comercio local, das áreas comerciais urbanas e da importancia de recuperar os centros das cidades para dinamizar o comercio. Bará sinalou que esta é unha liña central do discurso e da práctica política do BNG.
"No caso de Pontevedra eu creo que o levamos feito con bos resultados", destacou Luís Bará defendendo o consumo local e os produtos galegos, "fronte ás grandes superficies comerciais que o que fan é expoliar o país, vir aquí a aproveitarse do consumo e da riqueza do país para levarlla fóra", concluíu.