"As próximas sedes terán que mirar a Pontevedra para ver como facer unha Gran Final"

Pontevedra
24 de setembro 2023

O presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo, mostrábase exultante polo vivido estes días en Pontevedra con motivo da Gran Final das Series Mundiais, as primeiras da historia organizadas en territorio nacional. "Foi incrible", defendeu

Homenaxe a Javi Gómez Noya con motivo da Gran Final das Series Mundiais
Homenaxe a Javi Gómez Noya con motivo da Gran Final das Series Mundiais / Mosrey Fotografía

O presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo, mostrábase exultante polo vivido estes días en Pontevedra con motivo da Gran Final das Series Mundiais, as primeiras da historia organizadas en territorio nacional.

"Foi incrible", sinalou este domingo ao termo da carreira elite feminina.

"Eu creo que no 19 co Multisport Pontevedra marcou un camiño que despois outras sedes tentaron igualar, e creo que con esta Gran Final Pontevedra volve marcar un camiño do que deben ser as Grandes Finais", defendeu o dirixente federativo.

De feito para Hidalgo "as próximas sedes terán que mirar a Pontevedra para marcar como teñen facer unha Gran Final".

O presidente do tríatlon nacional asegurou ademais que "algunhas persoas do executivo miraban para atrás e facían unha valoración dos últimos 10 mundiais e non atopaban nada que fose parecido a isto. Por moitas razóns, polos circuítos, pola cidade, pola calor da xente, por sentirse arroupados por toda a carreira, pero non soamente os elite que xa sabiamos que Pontevedra ten cultura de tríatlon, os grupos de idade estaban encantados de como o vivían".

Na súa retina de feito quedou a imaxe do centro da Boa Vila ateigada de xente vivindo o tríatlon. "Hoxe que era domingo pola tarde, que era un bo día, que animaba a irse, e a xente quedouse a velo. Había miles e miles de persoas, quedou nas imaxes, ver a unha cidade envorcada co deporte. Creo ademais que ensinamos a través do tríatlon o mellor desta cidade", afirmou contundente sobre un evento que non puido deixar mellor sabor de boca a todos os involucrados, e que deixa o listón moi alto para a edición de 2024, que se celebrará en Málaga.